Pestanas principais

Tres atletas do club Millaraio participan en catro campionatos de España

Venres, 24 de marzo de 2023

O club amesán Millaraio conta con representación en catro campionatos de España para despedir a tempada de inverno. Os atletas Nadir Moreira, Puri Carreña e Nuno Castro foron seleccionados en distintas categorías e modalidades para participar en catro probas estatais.

O pasado 26 de febreiro, Nadir Moreira disputou o Campionato de España de Marcha por Federacións Autonómicas celebrado en Cieza, formando parte da selección galega que representou a nosa comunidade.

A atleta máster Puri Carreña acudiu ao Campionato de España Máster de pista cuberta, que tivo lugar en Antequera a fin de semana dos días 4 e 5 de marzo. Nel participou nas probas de 400 metros (conseguindo superar a súa mellor marca persoal), 60 metros e 800 metros.

Os días 25 e 26 de marzo, Nuno Castro, campión galego de probas combinadas en pista cuberta sub16 (hexatlón), representará ao club no Campionato de España de Pista Cuberta, que terá lugar en Ourense. Nesta ocasión disputará tamén a modalidade de hexatlón, que se compón das probas de 60 metros, salto de lonxitude, lanzamento de peso, salto de altura, 60 metros valos e 1000 metros).

Nuno Castro desprazarase tamén ata Castellón, onde o día 1 de abril tomará parte no Campionato de España de Lanzamentos Longos de Inverno. Alí competirá na proba de lanzamento de xavelina, logo de proclamarse campión galego o pasado 4 de marzo.

Nuno Castro, tras disputar a proba de combinadas

Multimedia

  • O atleta Nadir Moreira
  • A atleta Puri Carreña, no Campionato de España en Antequera
  • Nuno Castro, que logrou o ouro en xavelinas