- Tematica
“Ergonomía da espalda” é o título do curso que as traballadoras dos Servizos de Atención no Fogar (SAF) dos concellos de Ames e Brión recibirán os días 29 de novembro e 1 e 3 de decembro. A formación impartirase no salón de actos da Casa da Cultura de Bertamiráns. O obxectivo é as traballadoras adquiran recursos que lles axuden a mellorar a a actitude corporal de xeito que poidan evitar na medida do posible as dores e os desequilibrios musculares propios da súa profesión.
No curso participarán as 55 traballadoras dos SAF de Ames e Brión. Incluirá teoría e práctica e impartirase polas tardes, entre as 16:00 e as 20:00 horas. A formación dará resposta a preguntas como ¿Porque doen as costas? e ¿cales son as posturas correctas que se deben adoptar para realizar as principais actividades cotiáns? Ademais analizaranse e poñeranse en práctica as posturas que alivian a dor de costas, ensinarase a reeducar a respiración e farase especial fincapé na toma de conciencias postural.
Para a concelleira de Servizos Sociais, Luísa Feijóo, na saúde das traballadoras está tamén dalgunha maneira a calidade do servizo que se lle da aos usuarios/as: “As traballadoras de axuda no Fogar adoitan realizar traballos que implican en moitas ocasións cangar con moito peso e adoptar posturas difíciles, por iso é tan importante que tomen conciencia de como o fan para poder corrixilas e non facerse dano”.
As traballadoras do SAF reciben decotío cursos de formación para mellorar os seus coñecementos e facer máis eficaz o seu traballo.





