Pestanas principais

Tolos pola Xuventude organiza este sábado a segunda edición da Festa da Xuventude

Venres, 21 de outubro de 2016

[21-10-2016] Este sábado a asociación Tolos pola Xuventude de Ames organiza, coa colaboración do Concello de Ames, a segunda edición da Festa da Xuventude. Celebrarase no campo das Pateiras de Bertamiráns, antigo campo de fútbol, a partir das 14:00 horas. Comezará cunha “mexillonada” para o xantar amenizada polo grupo Pacífico e continuará, a partir das 21:00 horas, coas actuacións do dúo Amazonas, do grupo Pacífico e da orquestra Olympus. A entrada á festa é gratuíta, mentres que o prato de mexillóns terá un custe de dous euros.

A asociación Tolos pola Xuventude celebra este sábado, 22 de outubro, unha nova edición da súa Festa da Xuventude. O campo das Pateiras será escenario desta celebración, que comezará ás 14:00 horas cunha gran “mexillonada”. Se o pasado ano a asociación preparaba 200 quilogramos de mexillóns para repartir entre o público, para este sábado optaron “por mercar 300”, xa que, sinala o presidente José Antonio Fraga, “hai que ser precavidos”. A comida estará amenizada polo grupo Olympus, para animar aos e ás asistentes “a botar os primeiros bailes”. Non será preciso reservar praza para degustar os mexillóns, que terán un custe de dous euros por persoa.

Xa pola noite, a partir das 21:00 horas, comezará a verbena. O primeiro grupo convidado é o dúo Las Amazonas, de Coruña. Tras elas actuarán, de novo, o grupo Pacífico e a orquestra Olympus. A entrada para os concertos é tamén gratuíta. Despois das actuacións dará comezo a sesión de DJ coa discoteca móbil Impacto.

Esta festa nace do desexo da asociación Tolos pola Xuventude de dotar dunha celebración para a mocidade a Ames. Ademais, as e os seus membros decidiron recuperar outra data festeira sinalada no municipio: a Festa da Familia, que organiza a asociación o mes de maio. Tolos pola Xuventude agradece ás entidades e empresas amesás a súa colaboración. O seu presidente afirma que “se portaron moi ben connosco” e quere engadir a este agradecemento “á veciñanza, que colabora moi ben”.