Pestanas principais

A terceira edición do InnovAmes centrarase na intelixencia artificial, novas tecnoloxías, innovación e audiovisual

Mércores, 24 de xaneiro de 2024

O Concello de Ames organiza unha nova edición do InnovAmes, unha xornada de innovación para as empresas de Ames que se celebrará este venres, 26 de xaneiro, no pavillón polideportivo do Milladoiro e na que estarán presentes diversas compañías que son grandes referentes da innovación, afincados no propio concello. A finalidade deste evento é poñer en valor os recursos e a capacidade de innovación local, fomentando a colaboración entre empresas e dando a coñecer ao público xeral o capital empresarial de Ames. Durante toda a xornada participará persoal de preto dunha decena de empresas amesás, rapaces e rapazas dos centros de ensino de Ames, persoal das empresas que empregan o espazo colaborativo A Proa e representantes das tres universidades galegas. Para máis información sobre o InnovAmes, pódese consultar a programación do evento nesta ligazón.

O Milladoiro acolle unha nova edición da xornada de innovación para as empresas de Ames “InnovAmes”. Trátase dunha xornada de innovación que se celebrará este venres 26 de xaneiro, no pavillón polideportivo do Milladoiro. O obxectivo é achegar as últimas tendencias no mundo da innovación da man das empresas do concello de Ames a todos os públicos, xerando un espazo para a aprendizaxe e o diálogo, onde se comparta coñecemento e xurdan sinerxías que den lugar a proxectos innovadores.

Neste evento haberá 21 stands, nos que estarán 10 empresas amesás: We Robots, Cinemar, Cartogalicia, Altia, Nanogap, Sistemius, Airvision, Codery, Impulsa Dixital e Conic Vascular. Tamén participará TEIMAS que, aínda que non disporá de stand, intervirá  en relatorios e mesas de debate.

Tamén disporán do seu propio stand as tres universidades galegas: USC, Campus industrial de Ferrol (UdC) e Universidade de Vigo. Tamén participará o grupo SpaceLab, da Universidade de Vigo, persoal do Instituto Galego de Física de Altas Enerxias – IGFAE e do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina -  CINBIO, e persoal de CLUN - Cooperativas Lácteas Unidas. Durante o descanso da mañá os asistentes a dio evento poderán achegarse á mesa saudable para probar os iogures de CLUN Feiraco.

Así mesmo, haberá stands de tres centros escolares (o IES do Milladoiro, o CEIP Agro do Muíño e o CEIP de Barouta). As empresas que empregan as instalacións do espazo colaborativo A Proa, situado no parque empresarial do Milladoiro, tamén participarán neste evento. Deste xeito, haberá un stand polo que pasarán varias destas empresas, entre elas participará a produtora audiovisual Serea Films.

Ademais, Radio Galicia - Cadena Ser emitirá o seu programa Hoy por Hoy dende o pavillón do Milladoiro, e a produtora Ficción Producciones, que ten a súa sede en Ames, realizará unha reportaxe pola mañá para emitir no programa Hora Galega, da TVG, que se emite de 19:10 a 20:30 horas.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, destaca que “no InnovAmes participan empresas de Ames que son un referente da innovación e que conviven no noso concello. Cremos necesario facer un gran evento de recoñecemento das nosas empresas”. Ademais, explicou que a programación deste ano “pretende reunir empresas para compartir novidades e proxectos nos seus sectores, e facilitar a comunicación con escolas e universidades para fomentar as inquedanzas pola innovación”.

Programa de mañá
A xornada comeza ás 10.00 horas cunha mesa inaugural e cun percorrido de presentación polos diferentes stands. Na mesa inaugural participarán Ana Belén Paz, concelleira de Promoción Económica; Carmen Porto, concelleira de Educación e Mocidade; María Rivas López, subdelegada do Goberno na provincia da Coruña; e Blas García, alcalde de Ames.

Unha vez rematado o acto inaugural, exporán os seus proxectos as empresas e centros educativos que se presentaron aos premios InnovAmes. Tamén pola mañá se fará a entrega de premios.

De seguido, comezarán as charlas e mesas de debate que tratarán sobre intelixencia artificial e o seu uso en diversas áreas. Na  primeira, na que se  falará sobre Educación e intelixencia artificial, participarán Sonia Montenegro, profesora de educación infantil e primaria e autora do libro “Inteligencia Artificial para Docentes con Corazón”; Juan Francisco Puentes, catedrático de Ciclos Formativos na Xunta de Galicia; e Sara Guerreiro, investigadora postdoutoral na Universidade da Coruña.

A segunda mesa tratará o papel da Intelixencia artificial no sector audiovisual con Olga Osorio, directora de cinema, xornalista, profesora e fotógrafa; Iván L. Gimeno, consultor de marketing dixital en Serea Films; e Simón Casal de Miguel, guionista, director e montador.

Obradoiros para alumnado dos centros de ensino

Tamén pola mañá haberá obradoiros en dúas zonas. Impartirase o obradoiro Xincana Tecnolóxica, en dúas quendas (de 10.30 a 11.30 e de 12.00 a 13.00 horas), dirixido a alumnado de primaria; e realizarase o obradoiro Humano ou Chat GPT? Como detectar textos feitos por IA, tamén en dúas quendas (de 10.30 a 11.30 e de 12.00 a 13.00 horas), dirixido a alumnado de secundaria.

Programa de tarde
Pola tarde, ás 16:30 horas, retomarase a actividade coa presentación das empresas que participan con stand propio. A continuación, falarase de IA e realidade práctica na empresa con Rebeca Calvo, co-fundadora de Mentiness; Mar Rodríguez, CEO de NORNNA; Manuel Lama penín, catedrático da USC en Ciencias da Computación e IA; e Román López Seoane, director de proxectos internacionais, IA e cloud computing de Bahia Software.

De seguido, ás 18:00 horas, haberá unha segunda mesa de debate sobre Novas tecnoloxías e sostibilidade. Nela participarán Marta Vázquez, líder do equipo de ventas en TEIMAS; Iria Rodríguez, directora do departamento de I+D de Nanogap; e José Sendín, avogado de Sistemius.

O peche da xornada será ás 18:30 horas a cargo do alcalde de Ames, Blas García. Tamén haberá unha actuación musical, a cargo de María Iglesias.

Obradoiros sobre IA, marketing dixital e comercio electrónico
Pola tarde tamén haberá obradoiros, neste caso dirixidos a empresas e persoas maiores de 18 anos, sobre Intelixencia Artificial, marketing dixital e comercio electrónico. O obradoiro de IA e marketing dixital impartirase de 16.30 a 17.30 horas, mentres que o obradoiro de IA e comercio electrónico realizarase de 18.00 a 19.00 horas. Estes obradoiros son de balde. Cada obradoiro conta con 15 prazas dispoñibles, que se irán cubrindo por orde de chegada.

A terceira edición do InnovAmes centrarase na intelixencia artificial, novas tecnoloxías, innovación e audiovisual

Multimedia

  • A terceira edición do InnovAmes centrarase na intelixencia artificial, novas tecnoloxías, innovación e audiovisual