Pestanas principais

A terceira edición do festival de verán “Encontros culturais no Pazo” remata coa actuación da fadista portuguesa María do Ceo

Luns, 13 de xullo de 2015

[13-07-2015] O pasado venres, 10 de xullo, desenvolveuse a segunda xornada do festival de verán “Encontros culturais no Pazo 2015”, que incluíu a actuación da gran fadista tradicional, María do Ceo, e de Paco Nogueiras, que representou o espectáculo infantil Brinca Vai! (de aquí a acolá). En ambos os dous casos houbo un gran número de público. Deste xeito, pechouse o programa musical deste evento estival. Despois de tres edicións, este festival de verán Encontros cultuais no Pazo, xa se vai consolidando dentro do programa de concertos de verán en Galicia.

O festival de verán Encontros Culturais no Pazo 2015 rematou o venres pasado, 10 de xullo, cun gran concerto da man da gran fadista portuguesa María do Ceo, que emocionou a todos asistentes co seu estilo e interpretación. Esta artista interpretou algúns dos seus temas máis coñecidos, fados tradicionais e algunhas composición feitas especificamente para ela. O concerto de María do Ceo desenvolveuse nos xardíns do Pazo da Peregrina e contou con moitos veciños e veciñas que se achegaron ata este lugar para gozar da música en directo.

Previamente, ás 20:30 horas, na praza do Pazo da Peregrina actuou Paco Nogueiras, que representou o espectáculo infantil Brinca Vai! (de aquí a acolá). Nogueiras puxo en escena unha función de música infantil con ritmos moi diversos (electrónica, pop, folk, reggae, rock). Brinca Vai! De aquí a acolá é un espectáculo baseado no libro-CD-DVD “Brinca Vai!”, editado por Kalandraka Editora. Este concerto contou cun público moi familiar. Deste xeito, un gran número de nenos/as puideron gozar das entretidas cancións de Paco Nogueiras.

O novo concelleiro de Cultura, David Santomil, destacou que “o Concello de Ames fará un aposta clara pola cultura galega e polas formacións musicais de Galicia, a través deste tipo de festivais e outras actividades similares. Ademais, vaise potenciar e incrementar a programación de actividades infantís para o público familiar”. Por último, Santomil, apuntou que outra das liñas programáticas que desenvolverán dende a súa concellaría será “apostar e promocionar os grupos musicais do concello”.