[06-07-2015] Os xardíns do Pazo da Peregrina de Bertamiráns acolleron o venres pola noite a primeira actuación do Festival de verán “Encontros Culturais no Pazo 2015”. O inicio deste certame estivo marcado pola actuación do músico Xosé Manuel Budiño, que estivo acompañado de Xabier Díaz, que interpretou as súas músicas tradicionais. Previamente, houbo que suspender a actuación de Xoán Curiel e a banda Son+d2, debido a chuvia que caeu arredor das 21:00 horas sobre Bertamiráns. Este concerto realizarase proximamente. O Festival de verán continúa este venres, 10 de xullo, coa actuación de María do Ceo e Paco Nogueiras.
Programa da segunda xornada do festival
O festival de verán Encontros Culturais no Pazo 2015 continúa este venres, 10 de xullo. Nesta ocasión, a xornada comezará ás 20:30 horas coa actuación de Paco Nogueiras, que representará o espectáculo Brinca Vai! (de aquí a acolá). Nogueiras porá en escena unha función de música infantil cos ritmos máis diversos (electrónica, pop, folk, reggae, rock). Brinca Vai! De aquí a acolá é un espectáculo baseado no libro-CD-DVD “Brinca Vai!”, editado por Kalandraka Editora, no que se combinan cancións, animacións e interpretacións cos ritmos e rexistros máis divertidos.
A segunda xornada deste festival pecharase, ás 22:30 horas, cun concerto da gran fadista portuguesa María do Ceo, que actualmente xa está considerada como a sucesora de Amalia Rodrigues, tanto no estilo, como na interpretación. Esta artista interpretará algúns dos seus temas máis coñecidos, fados tradicionais e algunha composición feita especificamente para ela.
Destacan interpretacións como a da canción María la portuguesa, coñecido tema de Carlos Cano, cantado nunha versión en portugués que emocionou ao escoitala á propia viúva do falecido cantante andaluz. Os excepcionais músicos que a acompañan nos seus concertos, dan forma a un espectáculo de gran calidade musical que destaca polos seus matices, sensibilidade, e a sempre doce voz de María do Ceo, onde entenderemos de inmediato a identidade cultural luso-galaica.
O pasado venres pola noite, Xosé Manuel Budiño, achegou a súa música e o seu espectáculo a todos os amienses que se achegaron ao Pazo da Peregrina. Deste xeito, deu comezo unha nova edición do Festival de verán Encontros culturais no Pazo, que está organizado polo Concello de Ames e conta coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña e da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia.
Budiño presentou o seu último traballo: Sotaque, que foi gravado no seu estudio “Ardora” e mesturado e masterizado nos estudios “Atlântico Blue Studios de Lisboa”. Ademais, Xosé Manuel Budiño, estivo acompañado de Isaac Palacín na percusión; de Alfonso Merino no violín; de Fernando Barroso nos instrumentos de corda; e de Xabier Díaz, que interpretou as súas músicas tradicionais.
Previamente, houbo que suspender a actuación de Xoán Curiel e a banda Son+d2, debido a chuvia que caeu arredor das 21:00 horas sobre Bertamiráns. Dende a organización están buscando unha nova data para poder desenvolver este espectáculo. Cando se acorde a nova data anunciarase a través das distintas canles de comunicación das que dispón o Concello de Ames.





