Pestanas principais

A técnica mozambicana, Elsa Dimande, interésase polo traballo feito en Ames sobre igualdade de xénero e traballo social

Xoves, 20 de setembro de 2018

[20-09-2018] A través do programa Vacacións con Traballo, posto en marcha polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, a especialista en traballo social da Asociación Nacional de Municipios de Mozambique, Elsa Dimande, pasou a primeira semana de setembro en Ames. Durante cinco días, a técnica interesouse pola situación e as actividades realizadas no concello en materia de igualdade de xénero, traballo social con nenas e nenos, urbanismo para o benestar da infancia e o orzamento participativo nestas materias, así coma o asociacionismo feminista.


Co obxectivo de reforzar as capacidades dos municipios de Mozambique, así como para sensibilizar sobre a súa difícil situación e visibilizar as súas potencialidades, Elsa Dimande, especialista en traballo social da Asociación Nacional de Municipios de Mozambique, está a realizar unha serie de visitas nos concellos de Ames, Nigrán e Rianxo ao longo do mes de setembro, para coñecer as actividades que se están a levar a cabo na area de traballo social en cada un dos municipios.

Así, ao longo da primeira semana de setembro, a técnica mozambicana pasou uns días no concello de Ames, onde visitou diversas actividades dirixidas ás mulleres e enfocadas ao seu empoderamento, así como a diversas instalacións como o Centro de Recuperación Integral para mulleres vítimas de violencia de xénero, en Santiago, as unidades municipais de traballo social e as instalacións que a asociación Arcea-Adames ten no Milladoiro. O obxectivo desta visita foi o de fortalecer as capacidades para planificar e xestionar actividades relativas á igualdade de xénero e ás políticas públicas municipais, así como actividades lúdicas.

Elsa Dimande en Ames
A visita da Elsa Dimande comezou o luns, 3 de setembro, ás 12.00 horas, cunha recepción institucional no Concello, na que parte da Corporación municipal puido coñecer o traballo que está a desenvolver na Asociación Nacional de Municipios de Mozambique, así como a situación do pais. Se seguido, aproveitou para percorrer distintas áreas recreativas do Milladoiro, entre as que se atoparon o parque adaptado, as zonas deportivas e os parques de recreo da localidade. Ao día seguinte, ás 10.30 horas, aproveitou para achegarse ao Centro de Recuperación Integral para Mulleres vítimas de violencia de xénero (CRI) e, de seguido, ao local da asociación de discapacitados Arcea Adames, para ver o traballo que alí se desenvolve.

O mércores a primeira hora achegouse ata a Unidade de Traballo Social do Milladoiro, onde puido ver de primeira man o traballo que se está a levar a cabo no eido do programa de educación familiar. Ás 11.00 horas, asistiu xunto á concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, á primeira xuntanza preparatoria da campaña “En negro contra a violencia”, na que Ames participa por terceiro ano consecutivo.

Os dous últimos días da súa estadía en Ames, adicounos a visitar a Escola Infantil A Madalena, e aos nenos que participaron no programa de conciliación Setembro Lúdico. Tamén realizou un encontro coa Plataforma feminista de Ames e participou no obradoiro de “Técnicas de Relaxación: respiración e ioga”, realizado no marco dos talleres de competencias emocionais e sociais destinados ás mulleres amesás, organizados pola Concellería de Servizos Sociais e Igualdade de Ames.

Asemade, para rematar, a técnica mozambicana tamén se achegou ao departamento Ames Saudable, onde se informou sobre o traballo que se está a realizar en materia de nutrición, e máis en concreto no ámbito das alerxias e intolerancias. Tamén se achegou á xestión de comedores, e visitou a Unidade de Traballo Social de Bertamiráns, para interesarse sobre o traballo que están a realizar no marco do programa de alimentos e Axuda no Fogar.


Visita a outros concellos
Durante a segunda semana de setembro, Elsa Dimande estivo no Concello de Nigrán, onde coñeceu o traballo dunha entidade que atende a persoas con autismo e manterá encontros con asociacións feministas ou de diversidade sexual. Tamén visitou varias escolas e mais o centro de emerxencia para mulleres en situación de violencia de xénero. A estadía no Concello de Rianxo, máis centrada na infancia e a mocidade, permitiulle ademais coñecer a arquitectura pensada para estas franxas de idade e manter charlas con alumnado dos colexios.

Ao longo deste viaxe, Elsa Dimande está a pasar unha semana en cada municipio, favorecendo deste xeito a implicación das administracións locais galegas na solidariedade internacional, mentres que do 24 ao 28 de setembro completará a formación na Secretaría Técnica do Fondo Galego, situada en Pontevedra, ademais de aproveitar para reunirse con representantes da Xunta de Galicia, que cofinancia este programa.

A partir destas Vacacións con Traballo en Galicia, a Asociación Nacional de Municipios de Mozambique agarda fortalecer logo aos concellos do país lusófono para que implementen os seus propios plans de igualdade e teñan en conta ás mulleres e a xente nova no proceso de gobernación municipal. A técnica da ANAMM prestará atención ademais á incorporación da perspectiva de xénero nos proxectos das administracións locais galegas, a integración das demandas do colectivo feminista ou ás actividades do Fondo Galego dirixidas á infancia.