Pestanas principais

Tarde de convivencia na xornada de karate infantil interclubs que se celebra este sábado en Bertamiráns

Xoves, 21 de abril de 2016

[21-04-2016] Este sábado, 23 de abril, o CD Karate Ames exerce de anfitrión da xornada de karate infantil interclubs, na que están invitados a participar rapazas e rapaces dos clubs da contorna. Trátase dunha xornada participativa e que se ofrece como alternativa ás competicións. O encontro terá lugar no pavillón municipal de Bertamiráns, en horario de 16:30 a 19:00 horas.

O presidente do CD Karate Ames, Javier García, foi testemuña dos beneficios deste tipo de xornadas tras a vivida fai poucas semanas en Santiago de Compostela cos seus alumnos e alumnas. "Pasárono moi ben. Os meus alumnos a alumnas así mo dixeron. Aprenderon e gozaron do karate sen a presión dos puntos ou das clasificacións".

Nesta xornada de karate infantil interclubs participarán en torno a 100 karatekas dos ximnasios da contorna e das categorías benxamín, alevín, infantil e xuvenil. Dividiranse en dous grandes grupos: benxamíns e alevíns por un lado e infantís e xuvenís polo outro. "Buscamos adaptar os exercicios de quecemento e técnicos ás súas idades", puntualiza o presidente do CD Karate Ames. Os e as adestradores dos clubs da comarca tamén foron convidados a tomar parte na xornada.

Ao remate do adestramento os e as participantes ofrecerán mostras do traballado nos dous tatamis. No primeiro benxamíns e alevíns realizarán en parellas exercicio de kata, mentres que os maiores participarán en breves combates de kumite.

"Por suposto haberá árbitros controlando tanto os combates como os exercicios de kata, pero quixemos eliminar da xornada puntuacións, clasificacións e trofeos", explica Javier García. O presidente e adestrador do CD Karate Ames engadiu que “con esta iniciativa quérese que rapaces e rapazas de distintos ximnasios se poñan en contacto, deixando os clubs nos que sempre adestran, sen a idea de fondo da competición sempre presente”.