Pestanas principais

Tapia acolle o sábado 25 de xullo a II Regata provincial Ames e o XXXV Descenso do Tambre

Venres, 17 de xullo de 2026

O Concello de Ames, o Club Ribeiras do Tambre, a Deputación da Coruña e a Federación Galega de Piragüismo, organizan para o vindeiro sábado, 25 de xullo, a partir das 16.00 horas, a segunda edición da Regata provincial Ames, que forma parte do V Circuíto Deputación da Coruña de piragüismo en augas tranquilas. Trátase da segunda regata desta competición que se desenvolverá durante os meses de xullo, agosto e setembro. Ademais, en horario de mañá, a partir das 12.00 horas, realizarase o XXXV Descenso do Tambre, dende Portomouro ata a praia fluvial de Tapia. Cómpre destacar que este ano o Club de piragüismo Ribeiras do Tambre celebra o seu 40 aniversario.

O V Circuito de Piragüismo Deputación da Coruña 2026 chega ao concello de Ames o próximo sábado, 25 de xullo, a partir das 16.00 horas. Esta competición consta de seis regatas que formarán parte da competición provincial. O circuíto arrincou o pasado sábado, 4 de xullo, na Coruña, e a segunda proba celebrarase na praia fluvial de Tapia, en Ames.  

A competición volve reunir ao piragüismo coruñés nun calendario que se desenvolverá durante os meses de xullo, agosto e setembro. Tras a xornada inaugural na Coruña, o circuíto continuará en Ames, o 25 de xullo; As Pontes de García Rodríguez, o 8 de agosto; Pontedeume, o 22 de agosto; Boiro, o 29 de agosto; e Betanzos, o 12 de setembro.

O circuíto mantén a súa aposta polas categorías de formación, con padexeiros/as desde prebenxamín ata cadete, en probas de kaiak e canoa. Todos/as os/as padexeiros/as terán  que percorrer unha distancia de 1.500 metros en todas as categorías. As probas disputaranse na praia fluvial de Tapia. O obxectivo desta competición é incentivar o deporte federado de base, poñer en valor o piragüismo e promover a provincia a través da actividade deportiva.

A concelleira de Deportes, Susana Señorís, destaca “a tradición e os grandes deportistas que temos no concello de Ames na modalidade deportiva do piragüismo. Por iso, volvemos apostar por acoller unha das regatas do Circuíto Deputación da Coruña de piragüismo en augas tranquilas, e organizamos a trixésimo quinta edición do Descenso do Tambre, que é un dos eventos deportivos máis antigos deste concello”.

XXXV Descenso do Tambre
Por outra banda, en horario de mañá, de 12:00 a 13:30 horas, celebrarse o XXXV Descenso do Tambre do Concello de Ames. Trátase dunha competición amigable para as categorías xuvenil, sénior e veteranos, que se vai a celebrar dende Portomouro ata a praia fluvial de Tapia.  As embarcacións que poderán participar na proba serán K-1 e C-1. A distancia do descenso é de 5.400 metros.

A proba está aberta a todos os clubs de piragüismo e seccións de piragüismo de entidades deportivas de toda España e que, tanto aqueles como os/as deportistas, cumpran a normativa de afiliación establecida pola Federación Galega ou Española de Piragüismo para a tempada 2026. A proba disputarase para as seguintes categorías: 

-Kaiak home: veterano, sénior e xuvenil. 
-Kaiak muller: veterana, sénior e xuvenil. 
-Canoas homes: veterano, sénior e xuvenil. 
-Canoas mulleres: veterano, sénior e xuvenil. 

Cada club poderá inscribir en cada proba o número de embarcacións e padexeiros/as que considere, sen límites, debendo estes estar en posesión da licenza federativa da presente tempada 2026. As inscricións deberán ser realizadas mediante a aplicación web da Federación Galega de Piragüismo ata o martes 21 de xullo. As anulacións e modificacións poderán facerse no horario de recollida de dorsais (das 10:30 horas ás 11:00 horas) no lugar habilitado como oficina de organización na praia fluvial de Tapia o mesmo día da regata. Os deportistas da categoría cadete poden inscribirse, nesta regata, na categoría xuvenil.

Imaxe de arquivo de 2025

Multimedia

  • Cartel do XXXV Descenso do Tambre
  • Cartel da II Regata provincial Ames