Pestanas principais

Tanxugueiras e A Requinta da Maía actúan mañá na Ponte Maceira dentro do programa de Noites en Vela

Xoves, 15 de xuño de 2017

[15-06-2017] Os grupos Tanxugueiras e A Requinta da Maía son os convidados para a Noite en Vela que se celebrará este venres, 16 de xuño, na Ponte Maceira. Durante as actuacións, o alumeado público da ponte será apagado e substituído pola luz dun milleiro de candeas. As Noites en Vela tratan de pór en valor a contorna da Ponte Maceira, a ponte romana que divide os concellos de Ames e Negreira. Estes dous Concellos son os organizadores desta iniciativa, que conta coa colaboración da Deputación da Coruña.

Unha nova xornada das Noites en Vela chega este venres aos concellos de Ames e negreira da man das Tanxugueiras e de A Requinta da Maía. O escenario, como nas anteriores noites, será a Ponte Maceira, alumeada para a ocasión cun milleiro de candeas. Os Concellos de Ames e Negreira son os organizadores desta iniciativa, que conta coa colaboración da Deputación da Coruña.

As Tanxugueiras son tres cantareiras procedentes de Luou, en Teo, e de Aguiño, en Ribeira. Elas son Aida Tarrío e Olaia e Sabela Maneiro. As tres formaron o grupo en xaneiro de 2016 e dende aquela levan colectando éxito tras éxito, tornándose un dos grupos máis destacados da música tradicional galega. Foron teloneiras de Xabier Díaz e viaxaron ao Celtic Connections de Glasgow xunto coa Banda de las Créetelas.

A Requinta da Maía é un grupo local de Ames, conformado por nove persoas ligadas á Asociación Cultural Follas Novas, onde aprenderon a tocar. O grupo, que toca música tradicional galega, foi creado hai cinco anos. Na actuación da noite do venres estarán acompañados polos Muiñeiros do Sarela nas cinco pezas cantadas que van interpretar, non así na parte instrumental do concerto.

A pasada semana as brigadas municipais de obras de Ames e Negreira comezaron os traballos de limpeza e roza das beiras do Tambre ao seu paso pola Ponte Maceira. Este traballos continuaron esta semana para que todo estea a punto de cara a xornada de mañá. Alén diso, ambos os dous Concellos están a realizar as xestións precisas para declarar a ponte como Ben de Interese Cultural (BIC).

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Regresan las Noites en Vela a Ponte Maceira"