Pestanas principais

Suspéndense as actividades no exterior dos centros educativos polo temporal de vento e choiva

Martes, 06 de novembro de 2018

[06-11-2018] A Axencia Estatal de Meteoroloxía e Meteogalicia alertan dun fenómeno meteorolóxico adverso de nivel LARANXA por refachos de vento superiores a 100 km/h, que comeza as 12.00 horas/15.00 horas do martes 6 de novembro e prolongarase ata as 00.00 horas do día 7 de novembro. Este fenómeno adverso afectará ás zonas do suroeste, oeste e noroestes da Coruña, así como ao litoral de Pontevedra e á Mariña lucense.

Ante a devandita situación de risco, a Comisión escolar de alertas acordou o seguinte:

1.-A suspensión de actividades no exterior nos centros educativos situados nas zonas de predición meteorolóxicas afectadas.

2.-A autoridade educativa comunicará esta incidencia ás direccións dos centros escolares afectados, solicitando que leven a cabo esta medida e fagan un seguimento dos partes meteorolóxicos durante a xornada na que se desenvolverá este fenómeno adverso.

3.-Para o caso de que as circunstancias da localidade onde se atopa o centro, supuxesen un risco superior ao declarado e pasase a unha declaración de nivel superior, as direccións poderán adoptar as decisións oportunas respecto da suspensión das actividades extraescolares.