Pestanas principais

Suspéndense as actividades do programa de Animación do Comercio na Rúa previstas para esta fin de semana

Venres, 17 de xuño de 2011

[17-06-2011] Debido as inclemencias meteorolóxicas dende o Concello de Ames decidiron suspender as actividades de animación do comercio na rúa previstas para os días 17 e 18 de xuño. Esta dúas xornadas trasládanse para o venres 1 e sábado 2 de xullo debido a que o vindeiro venres, 24 de xuño, é festivo local en Ames. Aparte desta xornada que se trasladará á primeira fin de semana de xullo, as actividades de animación na rúa desenvolvéronse no Milladoiro os venres 13 e 27 de maio e o 10 de xuño, mentres que en Bertamiráns foron os sábados 14 e 28 de maio e 11 de xuño. O programa de animación pretende animar as zonas comerciais e achegar clientela aos comercios amienses.

Segundo as previsión metereolóxicas o venres 17 de xuño está previsto que chova pola tarde. Debido a iso o Concello de Ames decidiu suspender as últimas xornadas do programa de Animación do Comercio na Rúa que se ían realizar na praza de Manuel Murguía do Milladoiro, e na praza de Chavián de Bertamiráns. Estas xornadas trasladaranse para o venres 1 de xullo no Milladoiro e o sábado 2 en Bertamiráns.

O Concello de Ames puxo en marcha unha nova edición do programa de Animación do Comercio na Rúa que, por sexto ano consecutivo, pretenden converter as rúas e prazas amienses en espazos dinámicos e atractivos de cara a fomentar e dinamizar o comercio local. Tras a boa acollida de edicións anteriores, e para achegar esta actividade a un sector máis amplo de poboación, este ano realizouse un programa combinado con espectáculos de novo circo e a instalación de inchables.

Así, nas prazas de Manuel Murguía, no Milladoiro, e na de Chavián, en Bertamiráns, instaláronse diferentes inchables os días 27 e 28 de maio. Estas actividades rematan o día 1 de xullo no Milladoiro e día 2 de xullo en Bertamiráns. Os máis pequenos puideron gozar destas actividades entre as 17:00 h. e as 20:00 horas. Ademais, un animador percorreu, nunha bicicleta de tres prazas, as rúas máis comerciais facendo globoflexia.

Como novidade este ano leváronse a cabo espectáculos de clown e malabares nas principais prazas e rúas comerciais. Estas actividades desenvolvéronse os días 13 de maio e 10 de xuño no Milladoiro, e o 14 de maio e 11 de xuño en Bertamiráns. Houbo dous pases, un as 17:30 h. e outro as 18:30 horas. Esta actividade alternouse coa instalación dos inchables.

Esta nova edición desenvolveuse durante un total e 8 días dos meses de maio e xuño, repartidos en catro venres no Milladoiro e catro sábados en Bertamiráns. Coma en todas as edicións anteriores o Concello correu cos custos totais do programa, e as actividades teñen carácter gratuíto para toda a cidadanía.

Esta iniciativa, promovida dende o Concello de Ames, forma parte do plan de valorización e promoción do comercio local de Ames xunto a outras actuacións postas en marcha ao longo do ano.