Pestanas principais

Supéranse os 100.000 euros en ventas na campaña de tarxetas bono Ames Progresa

Xoves, 21 de abril de 2022

A Concellaría de Promoción Económica informa de que a campaña de tarxetas bono Ames Progresa remata o vindeiro sábado 30 de abril. Ata ese día poderanse empregar as devanditas tarxetas para facer compras nos 219 establecementos adheridos á campaña. Ata este momento realizáronse 4.677 operacións  o que xerou un volume de negocio de 101.252,60 euros. O saldo restante nas tarxetas ascende a 26.347,40 euros. Nesta campaña están en circulación un total de 1.611 tarxetas (940 de 100 euros e 671 de 50 euros), o que supón un volume de negocio total de 127.550 euros. É importante consumir o saldo das tarxetas ata o 30 de abril, xa que non se devolverá o importe dos bonos unha vez rematada a campaña. Os saldos das tarxetas poderán consultarse na páxina web www.damemisaldo.com.

Por segundo ano consecutivo o Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, puxo en marcha unha campaña de tarxetas bono para gastar no comercio local de Ames. En dita campaña participan 219 establecementos que teñen unha pegatina no escaparate que os identifica. A pegatina conta cun código QR que ao escanealo pódense consultar todos os locais adheridos á campaña de tarxetas bono Ames Progresa.

Puideron adherirse á campaña todos os comercios e locais de hostalería e restauración do termo municipal de Ames, excepto os espazos de gran distribución destinados á alimentación (hipermercados ou supermercados pertencentes a grandes cadeas), as estacións de servizo de combustible e as salas de xogo/apostas. Quedaron tamén excluídos as farmacias e demais establecementos sanitarios, así como os estancos. A modo aclaratorio foron incluídos dentro da campaña as ópticas, as clínicas veterinarias, os psicotécnicos, as clínicas dentais, os establecementos ortopédicos e as parafarmacias.

Dita campaña leva en funcionamento dende o pasado 1 de marzo e remata o vindeiro sábado 30 de abril, polo que aquelas persoas que dispoñan de saldo nas súas tarxetas bonos teñen 10 días para esgotar dito saldo, xa que non se devolverá o importe dos bonos unha vez rematada a campaña. Os saldos das tarxetas poderán consultarse na páxina web www.damemisaldo.com.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, destaca “o bo funcionamento desta campaña un ano máis. Os datos que temos de volume de negocio xerado son moi bos xa que se superaron os 100.000 euros en vendas a través das tarxetas bono. Isto quere dicir que o 80% do saldo das tarxetas bono xa está consumido, quedando por empregar o 20% restante. Quedan 10 días ata o 30 de abril para esgotar os 26.347 euros que están cargados nas tarxetas bono e aínda non se consumiron. Animo á veciñanza a que faga uso das tarxetas neste último tramo da campaña”.

4.677 operacións por valor de 101.252,60 euros
Do 1 de marzo ao 18 de abril realizáronse un total de 4.677 operacións nos establecementos adheridos o que xerou un volume de negocio de 101.252,60 euros. O saldo restante nas tarxetas ascende a e 26.347,40 euros. En total fixéronse compras en 210 establecementos con unha media de 472,66 euros en cada un.

Separado por sectores: no comercio minorista realizáronse 1.738 operacións por valor de 54.957,37 euros; en restaurantes houbo 1.386 operacións que supuxeron un gasto de 16.191,43 euros; en alimentación realizáronse 1.262 operacións por valor de 14.863,59 euros; en outras categorías comerciais fixéronse 156 operación que sumaron 8.629,79 euros; en ocio e espectáculos fixéronse 98 operacións por valor de 3.885,30 euros; en xoierías houbo 12 operacións que sumaron 406,86 euros; e en droguería producíronse 25 operacións por valor de 324,58 euros. Este importes corresponden ata o domingo 17 de abril ao que hai que sumarlle 1.993,68 euros máis correspondentes a vendas feitas o luns 18 deste mes o que suma un total de 101.252,60 euros.

1.611 tarxetas bono en circulación
O Concello de Ames destinou 75.000 euros a estas tarxetas, ás que aporta o 40% do seu valor. Os 5.000 euros restantes serven para cubrir gastos de xestión das tarxetas, así como para a contratación de dúas persoas que axudaron na emisión e recarga dos bonos. Dos 75.000 euros presupostados inicialmente para as tarxetas bono, o Concello gastou o 68% (51.020 euros).

Nesta campaña esgotáronse as 500 tarxetas bono de 50 euros postas a disposición da veciñanza. Ademais recargáronse 1.111 tarxetas adquiridas nas campañas de 2021. Recargáronse 940 tarxetas de 100 euros e 171 tarxetas de 50 euros. Deste xeito, nesta campaña están en circulación un total de 1.611 tarxetas (940 de 100 euros e 671 de 50 euros) o que supón un volume de negocio total de 127.550 euros.

Do valor total da tarxeta de 50 euros, a persoa beneficiaria aportou 30 euros e o Concello de Ames 20 euros, mentres que na de 100 euros, as beneficiarias achegaron 60 e o Concello, 40 euros. É a parte aportada polas beneficiarias a que se gasta primeiro nas compras nos comercios e empresas amesás. Por esta razón, non se devolverá o importe dos bonos unha vez rematada a campaña.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Más de 100.000 euros en ventas con los bonos Ames Progresa"

El Correo Gallego: "Queda una semana para usar las tarjetas bono en pro del vecino y 219 comercios"

Enfoques: "Diez días restantes para el fin de las tarjetas Ames Progresa"

Supéranse os 100.000 euros en ventas na campaña de tarxetas bono Ames Progresa

Multimedia

  • Cartel da campaña de tarxetas bono Ames Progresa