Pestanas principais

A subdelegada do Goberno da Coruña comprométese na Xunta Local de Seguridade a reforzar o dispositivo de seguridade da Garda Civil

Venres, 31 de agosto de 2018

[31-08-2018] A subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo, e mailo alcalde de Ames, José Miñones, presidiron esta mañá a Xunta Local de Seguridade, unha reunión na que se analizou a seguridade cidadá no municipio. A subdelegada do Goberno da Coruña comprometeuse a reforzar o dispositivo de seguridade da Garda Civil. Asemade, Pilar López-Rioboo destacou a coordinación dos corpos policiais e da Garda Civil como elemento clave para unha mellor seguridade cidadá. En dita xuntanza tamén estiveron representantes da Guarda Civil e do Corpo Nacional de Policía adscrita á Xunta de Galicia, así como varios representantes municipais.

Os representantes das Forzas de Seguridade do Estado informaron da evolución estatística relativa á seguridade cidadá no municipio de Ames, indicando que o índice de criminalidade ao longo do presente ano sitúase ao redor da media da provincia coruñesa, xa que en Ames rexistráronse no primeiro semestre 29,10 delitos por 1.000 habitantes, mentres que a media coruñesa sitúase en 29,70 delitos. Un aspecto que foi destacado foi a existencia de delitos graves, xa que ao longo dos seis primeiros meses non se produciu ningún, o mesmo que os roubos con violencia ou intimidación, manténdose o resto de indicarvos en termos similares aos do pasado ano. Con estas cifras Ames sitúase moi por debaixo da media nacional que se incrementa en 12 puntos con respecto ao do Concello, amosando que o Concello de Ames é un Concello seguro.

O alcalde de Ames, José Miñones, puxo de manifesto a preocupación pola seguridade de determinadas urbanizacións, e en xeral polos roubos en domicilios. Neste sentido, desde a Subdelegación do Goberno anunciouse o seu compromiso para reforzar a vixilancia por parte da Garda Civil acudindo a unidades de reserva se así é preciso. Tanto Concello como Garda Civil seguirán a facer un seguimento detallado desta circunstancia que desde o mes de febreiro reduciuse notablemente.

O goberno municipal implementará unha nova medida de seguridade como é a solicitude de instalación de cámaras de seguridade naqueles puntos con maior índice de roubos de cara a telas en funcionamento no vindeiro inverno. Dita solicitude será enviada á Subdelegación e á Comisión especial para a súa aprobación.

Con todo, Pilar López-Rioboo trasladou o compromiso da Subdelegación do Goberno e das propias Forzas de Seguridade para seguir traballando na redución destes índices, incidindo para iso na necesidade de profundar na coordinación de todos os corpos de seguridade, Garda Civil, Policía Local e Policía Autonómica. Outro aspecto no que se incidiu na reunión foi o relativo á presenza de novos delitos propios de concentracións urbanas e da existencia de poboación nova, como son os referidos aos vinculados ás novas tecnoloxías e Internet. Neste sentido desde o goberno municipal informouse que se fará unha campaña informativa para a veciñanza debido ao perfil xove de Ames.

Cifras similares ás de 2017
No balance de datos trasladado por parte da Subdelegación evidéncianse cifras moi similares ás do ano anterior e tamén deuse conta das actuacións de investigación e detención de roubos puntuais que tiveron lugar no concello.

Por parte do goberno de Ames deuse conta da situación actual da Policía Local e os motivos que derivaron a ausencia de cobertura de quendas, así como dos pasos que desde o goberno municipal se teñen previsto dar en referencia á situación laboral dos axentes. O alcalde solicitou que ante esta situación o cuartel do Milladoiro teña un reforzo especial e temporal que reforce sobre todo o servizo nocturno para unha maior seguridade, o cal foi acollido de xeito positivo desde a Subdelegación.

A subdelegada do Goberno visitou tamén as dependencias do cuartel da Garda Civil do Milladoiro, reiterando que o actual Goberno non ten previsto acometer reestruturación algunha dos diferentes cuarteis existentes en Galicia e que por tanto non hai previsto peche algún.

Pola contra, o Goberno do Estado xa aprobou a maior oferta de emprego público da última década, na que se inclúen 7.688 prazas destinadas a docentes, Forzas Armadas e Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, no que foi a primeira e máis urxente medida adoptada para tratar de repoñer as prazas que foron recortadas polos anteriores Gobernos e sendo Ames un dos Concellos nos que se fixo un elevado reforzo de persoal.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Vixiancia e máis cámaras para Ames"
La Voz de Galicia: "Ames estudia la instalación de cámaras de seguridad en zonas con mayor índice de robos"