Pestanas principais

Subdelegación do Goberno e Concello ratifican a incorporación da Policía Local de Ames ao sistema Viogen de loita contra a violencia machista

Mércores, 26 de febreiro de 2020

O Concello de Ames e a Subdelegación do Goberno da Coruña acordaron a incorporación de catro axentes da Policía Local deste municipio ao sistema Viogen de loita contra a violencia de xénero, segundo acordou a Xunta Local de Seguridade reunida a pasada semana baixo a presidencia da subdelegada do Goberno, Pilar López-Rioboo; e o alcalde de Ames, José Miñones. A esta xuntanza tamén asistiu, entre outras autoridades, a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Luísa Feijóo.

A Xunta Local de Seguridade celebrada a pasada semana aprobou un protocolo de colaboración entre a Policía Local e a Garda Civil no que se regula a presenza da Policía Local no sistema Viogen. Dito protocolo foi elaborado e redactado nunha xuntanza anterior, por consenso entre a Policía Local, a Garda Civil, a xefa do Servizo conta a violencia sobre a muller e a Concelleira de Benestar Social e Igualdade, que sevirá de folla de ruta para sistematizar ás accións que xa se viñan levando a cabo, intentando que non queden buratos na rede. Entre outras cousas déixase por escrito o criterio para a asignación de vítimas e a porcentaxe máxima que asumirá a Policía Local.

O sistema Viogen permitirá á Policía Local dispoñer de máis información sobre todos os casos activos de violencia machista, de tal maneira que os propios policías locais pasan a asumir o seguimento e control dalgúns destes casos, xeralmente daqueles que sexan considerados de nivel de risco non apreciado, mentres que a Garda Civil ou no seu caso a Policía Nacional encárganse do seguimento dos casos máis graves.

Nesta mesma reunión falouse da importancia de reactivar a Mesa Local de Coordinación Policial na que estarán presentes a Policía Local e a Garda Civil, ademais da Policía Nacional Adscrita, e que terá a finalidade principal de aunar esforzos na loita contra a violencia machista.

Pilar López-Rioboo trasladou ao alcalde a seu agradecemento polo esforzo realizado no desenvolvemento das políticas de igualdade e de loita contra a violencia de xénero, tal como se evidencia nas medidas adoptadas.

Por iso, destacou a lealtade institucional, receptividade e colaboración do Concello e do seu alcalde nesta loita, que permitirá incrementar tanto a coordinación como a propia loita contra a violencia machista xa que “posibilitará conseguir un mellor aproveitamento de tódolos recursos dispoñibles para previr este tipo de violencia a nivel local”.

A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Luísa Feijóo, destacou que “demos un paso moi importante ao formalizar por escrito o que xa se viña realizando de feito e o incorporar de xeito efectivo catro axentes da nosa Policía Local o Sistema Vioxén. Agradecer a boa disposición tanto da nosa Policía Local como da Garda Civil na cooperación e loita contra a lacra das violencia machistas. Todos os recursos dos que poidan dispor son benvidos”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Cuatro agentes de la Policía de Ames lucharán contra la violencia sexista"

La Voz de Galicia: "La Policía Local de Ames se incorpora al sistema Viogen"

Imaxe da Xunta Local de Seguridade

Multimedia

  • Imaxe da Xunta Local de Seguridade