[14-08-2018] O Diario Oficial de Galicia fixo público o pasado venres, 10 de agosto, o anuncio da aprobación inicial do proxecto de expropiación, polo procedemento de taxación conxunta, para poder executar o Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións (PEID) para construír un novo CEIP na localidade do Milladoiro. O proxecto estará exposto por un prazo dun mes, para quen o estime oportuno poida presentar alegacións. Trátase dun paso máis no procedemento para dotar ao Milladoiro dun novo centro escolar, nunha superficie de 20.000 metros cadrados repartidos en 13 parcelas.
Anteriormente á aprobación inicial do proxecto en Xunta de Goberno Local e á súa publicación no Diario Oficial de Galicia, os membros do goberno municipal tiveron varias xuntanzas cos/as propietarios/as localizados no catastro para informar das valoracións e do procedemento de expropiación dos terreos. Estas parcelas poranse a disposición da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, da Xunta da Galicia, para a construción dun novo colexio público de infantil e primaria no Milladoiro.
Na sesión plenaria do 27 de decembro de 2012 o Concello de Ames aprobou de xeito definitivo un Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións (PEID), para a dotación de infraestruturas escolares, no que se fixou como sistema de actuación o de expropiación. Dita tramitación fíxose coa finalidade de realizar a posta a disposición dos terreos para a construción dun novo colexio público na localidade do Milladoiro. Dende a súa aprobación quedou pendente de resolver o proceso de adquisición dos terreos, ata que no ano 2016 retomáronse os contactos cos propietarios localizados.
Co obxectivo de avanzar nos trámites necesarios para a dispoñibilidade pública dos terreos, sendo esta unha prioridade para o goberno municipal, convocouse unha primeira xuntanza informativa en maio de 2017, para informar do procedemento de expropiación para dotación escolar no Milladoiro. Posteriormente, durante os primeiros meses de 2018 mantívose unha segunda xuntanza cos propietarios localizados dos terreos co obxectivo proporcionarlle información sobre dito proceso, como paso previo a iniciar o procedemento administrativo de expropiación.
Agora, o proxecto entra na fase de exposición pública por un prazo dun mes, para quen o estime oportuno poida presentar alegacións. Asemade, as taxacións deberán ser notificadas individualmente a aquelas persoas que aparezan como titulares das parcelas afectadas. Posteriormente, será necesario proceder á aprobación definitiva de dito proceso de expropiación. A partir de aí será o Concello o que teña que proceder á inscrición rexistral das parcelas.
Cesión dos terreos á Xunta de Galicia
O obxectivo é poder poñer en disposición da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, da Xunta da Galicia, ditas parcelas para construír un novo CEIP na localidade do Milladoiro. Por primeira vez, o Concello de Ames destina unha partida específica no Orzamento municipal para afrontar o procedemento de expropiación, como única posibilidade para axilizar a dispoñibilidade pública dos terreos.
O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, explicou que “seguimos a dar pasos para que a dispoñibilidade pública das parcelas poida ser unha realidade canto antes. Vemos máis preto a construción deste centro escolar tan necesario para o Milladoiro, xa que a Escola Infantil do Milladoiro e o CEP de Ventín presentan un nivel de saturación insostible. Existe iniciativa política e orzamento comprometido, tanto polo Concello como pola Xunta, para facelo”.
Podes consultar o anuncio no DOGA do 10 de agosto e no portal de transparencia do Concello de Ames.