Pestanas principais

Solidariedade Galega co Pobo Saharauí instalará este sábado un posto no mercado de Bertamiráns para recadar fondos

Venres, 28 de outubro de 2016

[28-10-2016] Este sábado, 29 de outubro, a asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (Sogaps) instalará un posto no mercado de Bertamiráns. Permanecerá aberto ao público de 16:30 a 19:30 horas, poñendo á venda roupa de primeira e segunda man, así como algunha creación artesanal, para recadar fondos para destinar á compra de alimentos para os campamentos de saharauís refuxiados en Arxelia.

Cada sábado os postos do mercado de rúa de Bertamiráns esténdese en torno á praza do Concello (polas rúas do Ameneiral e Entrerríos). Este 29 de outubro a asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí montará un posto de roupa e outros accesorios. Nela venderase tanto prendas de segunda man, “doadas por persoas que contribúen coa asociación”, como “roupa de primeira man cedida por establecementos comerciais”. Esther Ybarra, responsable da asociación na comarca, explica que “os cartos recadados serán destinados a mercar alimentos para o campamento de refuxiados saharauís en Tinduf”.

Este luns, 24 de outubro, a Media Lúa Vermella (o símbolo empregado en Arxelia polo equivalente á Cruz Vermella) realizaba un chamamento á solidariedade ante a falta de alimentos que sofren as persoas refuxiadas en Tinduf. O obxectivo de Sogaps este sábado en Bertamiráns é o de recadar a máxima cantidade de cartos posibles para o organismo humanitario, encargados de entregalos ao campamento.

Ademais, no posto facilitarase información sobre o programa Vacacións en Paz 2017, que pon en marcha tamén a propia Sogaps. Este verán cinco nenas e nenos pasaron dous meses de verán nos fogares de familias amesás. A asociación abriu en setembro o prazo de inscrición para aquelas outras persoas que queiran formar parte deste programa de acollida de verán. Pódese solicitar máis información acerca de esta e doutras iniciativas de Solidariedade Galega co Pobo Saharauí enviando unha mensaxe á dirección info@sogaps.org ou chamando polas mañás ao número de teléfono 986 262 637.