[19-07-2017] Ao longo de dúas semanas, desde o luns 10 até o venres 21 de xullo, 25 nenas e nenos estarán en contacto directo coa natureza a través do campamento da Aula da Natureza, na parroquia de Ameixenda. As rapazas e rapaces participantes, contan co apoio de Patricia Reboredo, responsable da Aula da Natureza, de dúas voluntarias da Oficina Municipal de Voluntariado (OMIX) e de dúas rapazas en prácticas do curso de formación profesional Interpretación e Educación Ambiental.
“Facemos experimentos, aprendemos a respectar a natureza e a identificar diferentes insectos, plantas, flores e setas”, estas e outras son as actividades que as nenas e nenos participantes nomean cando se lles pregunta o que están a facer neste particular campamento, que tamén inclúe diversos obradoiros e camiñadas. Ademais, este ano, un dos seus eixos centrais son as plantas medicinais, a través do ensino das súas propiedades e da realización de aceites e outros ungüentos, mesmo tamén dun botiquín de fadas e druídas.
O obxectivo deste campamento é que as rapazas e rapaces estean en contacto coa natureza e a coñezan mellor. Dirixido a nenas e nenos entre os 6 e os 14 anos, nesta edición conta cun total de 25 participantes. Unha cifra que Patricia Reboredo, responsable da Aula da Natureza, recoñece como a perfecta para poder desenvolver as actividades sen atrancos: “25 é un número moi bo para traballar coas nenas e os nenos. De feito, non queremos que o campamento se masifique demasiado e preferiríamos facer dúas edicións, en vez dunha, se fose preciso. Pensamos que a partir dun número hai actividades que non se poden facer, polo menos nas condicións adecuadas”.
Nos obradoiros, as nenas e nenos participantes están divididos en dous grupos por idades, xa que a dificultade dos obradoiros que se realizan é diferente. Pola contra, nos xogos están todas e todos mesturados, co obxectivo de fomentar o compañeirismo. En efecto, parte da puntuación dos xogos está ligada á colaboración entre as e os membros, así como ao bo trato entre todas e todos, pequenos e maiores.
Seis edicións de campamentos urbanos na Aula da Natureza
Xa son seis as edicións deste particular campamento que, a diferenza doutros organizados no concello de Ames, se desenvolve en horario de tarde e no rural. A escolla do espazo non é arbitraria, xa que se considera que o entorno natural é o ideal para potenciar a reciclaxe ou para cuidar da horta, para, en definitiva, explotar todo aquilo que se pode aproveitar no medio rural.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Vinte e cinco nenos desfrutan ata mañá do campamento da Aula da Natureza"




