[04-12-2014] O Concello de Ames puxo en marcha a mediados de setembro unha nova edición do programa InserAmes-Brión. Deste xeito, en pouco máis de dous meses xa se conseguiron 18 insercións laborais. Ademais, a finais do mes de novembro comezaron as súas prácticas profesionais os primeiros alumnos/as do programa integrado para o emprego InserAmes Brión. Na actualidade hai 32 persoas que están realizando prácticas en 11 empresas da comarca de Santiago de Compostela. A finais deste mes tamén comezarán as prácticas os alumnos/as do curso de monitor de tempo libre.
O alcalde de Ames, Santiago Amor, asinou varios convenios de colaboración con 11 empresas da comarca de Santiago de Compostela, para a realización das prácticas formativas dos cursos de operario/a de caixa-repoñedor/a e de operacións auxiliares en almacén, que se integra dentro do programa formativo da sétima edición do InserAmes-Brión. Nestas prácticas están participando un total de 32 alumnos.
Os primeiros en empezar foron os 14 alumnos/as que participaron no curso de operario de caixa-repoñedor. A continuación, iniciaron a formación práctica outros 18 alumnos/as que realizaron o curso de operacións auxiliares en almacén. Dende o Concello de Ames agradecen a colaboración destas 11 empresas (Bricoking Milladoiro, C&A, Vegalsa-Eroski, Carrefour Market, Gadis, Leroy Merlin, Kiabi, Bricoking, Gerimedical, Feiraco e Carrefour Cancelas) pola súa colaboración con este programa.
O curso de operario de caixa-repoñedor/a constou de 70 horas, mentres que o de operacións auxiliares de almacén tivo 120 horas de formación teórica. Ademais, 11 alumnos/as iniciaron o curso de monitor de actividades de tempo libre, que consta de 200 horas lectivas. O alumnado deste último curso está completando a formación teórica e o día 23 de decembro comezará a formación práctica.
Formación para 80 desempregados
Este programa ofrece formación para o emprego a 80 persoas desempregadas de Ames e Brión e conta cun orzamento total de 180.000 euros. O obxectivo desta iniciativa é mellorar a empregabilidade dos participantes e aumentar as súas opcións de acceder a un posto de traballo.
O programa InserAmes Brión inclúe outras liñas de actuación. Deste xeito, levaranse a cabo itinerarios personalizados de inserción para mellorar a ocupabilidade dos participantes. Tamén se imparte formación transversal, principalmente faise fincapé na relacionada coas técnicas de comunicación e coas habilidades sociais para a busca de emprego. Ademais, incide na alfabetización informática, no aprendizaxe do inglés, prevención de riscos laborais e na manipulación de alimentos. Outro aspecto no que se incide é na formación cara o autoemprego, que inclúe asesoramento para a creación de empresas e xornadas de motivación do espírito empresarial.
As accións formativas do programa InserAmes Brión están destinadas principalmente a menores de 30 anos desempregados de baixa cualificación, aínda que tamén está aberta a outros colectivos con especiais dificultades para acceder a un emprego. Trátase xa da sétima edición deste programa de formación que desenvolve o Concello de Ames, sendo a segunda ocasión na que conta coa colaboración do Concello de Brión.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "El programa InserAmes-Brión logra que 18 alumnos encuentren empleo"
El Correo Gallego: "Empleo para 18 alumnos y prácticas para otros 32 con InserAmes Brión"




