[07-08-2017] A sétima edición do festival Millarock tivo lugar o pasado venres, 4 de agosto, no Milladoiro. Ao longo da noite, pasaron polo escenario A Compañía do Ruído, Familia Caamagno, Medomedá e os Heredeiros da Crus. Máis de 5.000 persoas de diferentes idades asistiron ao festival, o que supuxo un récord de asistencia.



Após seis anos sen celebrarse, o festival Millarock recuperouse novamente o ano pasado, cando se celebrou na Praza da Madalena (escenario da primeira edición do festival). Este ano o local escollido foi o aparcadoiro da Travesía do Porto. Os concertos comezaron ás 21:00 horas da man da Compañía do Ruído. Ás 22:15h saíu ao escenario a Familia Caamagno, seguida de Medomedá ás 23:30 horas. O punto final púxoo Heredeiros da Crus a partir da 1h da madrugada.
A Compañía do Ruído presentou, no Millarock, o seu novo proxecto 12 meses, 12 punchis. Un traballo baseado na publicación dun tema por mes, abordando en cada un deles unha temática diferente (a violencia machista, a lingua, a identidade...). Familia Caamagno, pola súa banda, ofreceu un concerto cheo de rock and roll, interpretando temas como O tempo do lobo ou a mítica canción do afamado cantautor brasileiro Roberto Carlos, Eu sou terrível.
O grupo Medomedá tamén estivo a presentar o que é o seu último traballo Empeorando pa mellor. De feito, este concerto do Millarock encadrouse dentro da mini-xira de despedida, Marchamos que temos que marchar, que o grupo está a realizar. Por último, os Heredeiros da Crus ofreceron unha boa dose de espectáculo e gamberrismo ao ritmo de temas tan emblemáticos como Eu quero josar, Non quero nada de ti, Vaiche boa, De Jalisia ó estranxeiro ou A chaqueta de Lana. Todos os grupos destacaron a boa sintonía existente entre eles, algo que se percibiu tamén enriba do escenario.
O Concelleiro de Cultura, David Santomil destacou que “este foi un Millarock histórico, o que demostra que o rock en galego está moi vivo. Recuperamos o principal evento musical de Ames no que a volume de público se refire e temos como obxectivo seguir consolidándoo e mellorándoo cada ano, aínda que o listón quedou moi alto”. Santomil quixo agradecer, asemade, o traballo realizado por todas as persoas que fixeron posible o éxito deste VII Millarock. 
Contido relacionado

El Correo Gallego: "O Millarock ofreceu á veciñanza amesá unha noite chea de rock en galego"




