Pestanas principais

Sete grupos competirán por facerse con algúns dos premios da terceir edición do Concurso Radiofónico de Teatro Lido de Ames

Mércores, 27 de novembro de 2013

[27-11-2013] Xa está aberto o prazo para poder votar as pezas teatrais presentadas ao Concurso de Teatro Lido de Ames, Desata a Lingua! Estes textos pódense escoitar en Ames Radio, en horario de 13:30 h a 14:30 h e de 22:00 h a 23:00 horas, de luns a venres ata o próximo 5 de decembro. Nesta edición presentáronse 7 grupos de rapaces e rapazas do IES de Ames, do IES do Milladoiro e do Colexio Alca. Os textos están escritos e locutados en lingua galega. A temática foi libre, aínda que se valora que estea relacionada con algún tema de actualidade. Repartiranse un total de 600 euros en tres premios dotados con 200 euros cada un. Ademais, haberá unha mención especial para a mellor interpretación masculina e feminina. As votacións do público realizaranse enviando un e-mail ao correo radioteatro@concellodeames.org ou chamando ao teléfono 981 890 452.

Por parte do Colexio Alca presentáronse dous grupos. “As seis de sempre” ofrecen unha visión actual da sociedade a través da conversa de seis mulleres nun parque coa obra “Unha tarde coas Tornado”. O grupo está formado por Candela Vilela, Andrea Vázquez, Inés Costas, Helena Pernas, Marina Vázquez-Portomeñe e Carmen Freire. Pola súa banda, o grupo “Os T”, composto por Alberto Suárez, Miguel Blanco, Simón Romero e Luís Rodríguez, recrea nun programa de radio as vivencias de tres soldados veteranos da Guerra Civil española, en “Cóntamo todo”.

Dous son tamén os grupos que se presentaron por parte do IES do Milladoiro. O grupo “Satanasa”, composto por Sara Gago, Talía Fernández, Naiara Castro e Sabela Cancela, dá forma a un texto de Sechu Sende para seguir unha serie de instrucións e comezar a falar o galego. Gloria Martínez e Rebeca Carballo, do grupo “Linguas Libres”, válense do seu “Mitin” para lanzar unha mensaxe de esperanza en tempos difíciles.

A maior representación desta edición do Concurso Radiofónico de Teatro Lido de Ames é para o IES de Bertamiráns, con tres grupos. “Axóuxere” achéganos, na voz de Irene Walther, Óscar Suárez, Laura Millet e Javier Vila, unha singular historia dun xigante vido a menos en “¡Mamasiña, qué medo!”. O grupo “Saxitario, Capricornio, Leo”, composto por Gabriel Seoane, Rebeca Soliño e Olaya Silva, presentouse coa obra “Unha illa perdida”, adaptación de “Corazón de Xúpiter” de Ledia Costas. Unha historia que nos fará reflexionar sobre os perigos da Internet. Por último, Noelia Turnes, Lucas Rodiño e Catalina Binkele, integrantes do grupo “Wilson”, optan polo suspense coa súa obra “O bosque”, unha historia que mistura a intriga e o medo logo de que tres mozos se perdan no interior dun bosque.

En canto á participación do alumnado, o IES de Bertamiráns aporta un total de dez participantes, os mesmos que achega o Colexio Alca. Por parte do IES do Milladoiro concorren ao concurso un total de seis alumnos e alumnas. En total, 26 estudantes que optarán aos diferentes premios que se outorgarán este ano no Concurso Radiofónico de Teatro Lido de Ames.

Todos os grupos participantes realizaron a montaxe das pezas na radio municipal de Ames, entre o 18 e o 22 de novembro. A emisión das pezas estase realizando en Ames Radio (FM 107.2) entre o 25 de novembro e o 5 de decembro nas seguintes franxas horarias: das 13:30 h ás 14:30 e das 22:00 h ás 23:00 h (de luns a venres).

Repartiranse 600 euros en premios
Repartiranse un total de 600 euros en tres premios dotados con 200 euros cada un. A audiencia da radio municipal escollerá entre as pezas emitidas a que obterá o premio do público. Este premio está dotado con 200 euros. A votación realizarase entre o 26 de novembro e o 5 de decembro a través do correo electrónico radioteatro@concellodeames.org ou do teléfono 981 890 452. Cada persoa que vote terá que identificarse e só se computará un voto por persoa.

Haberá outros dous premios: premio ao mellor guión orixinal e premio á mellor interpretación. Estes dous premios tamén estarán dotados con 200 euros cada un. A Alcaldía Concello de Ames designará un xurado que será o encargado de seleccionar todos os premios, agás o do público. Todo o alumnado e profesorado participante recibirá como agasallo dous convites para unha das funcións teatrais programadas polo Concello de Ames. Estes convites poderán intercambiarse por entradas no prazo de reserva establecido polo Concello e estarán suxeitos á dispoñibilidade de aforo.

Ademais, haberá unha mención especial para a mellor interpretación masculina e feminina. Os premios faranse públicos na segunda semana de decembro e entregaranse o venres, 13 de decembro, na Casa da Cultura do Milladoiro.