Pestanas principais

As sesións de contacontos volven en outubro ás bibliotecas municipais de Ames

Sábado, 07 de outubro de 2017

[07-10-2017] O vindeiro martes, 10 de outubro, comezan as sesións de contacontos deste outono. Ao longo deste mes, haberá catro sesións repartidas entre as bibliotecas municipais do Milladoiro e Bertamiráns. Nas dúas primeiras narraranse contos arredor das cartas, das carteiras e dos carteiros. Nas dúas últimas, as historias escollidas tratarán de pór en valor a diversidade. Os contacontos están dirixidos a crianzas entre os 3 e os 8 anos. A entrada é libre e de balde.


“Cartas que veñen e van” é o nome que engloba ás dúas primeiras sesións de contacontos deste outono. Nela, narraranse historias que falen sobre cartas, sobre carteiras e carteiros. A primeira das sesións será o vindeiro martes, 10 de outubro, na biblioteca do Milladoiro. A segunda será na biblioteca de Bertamiráns, o mércores 11. Ambas comezarán ás 18:00 horas.

O mércores 25 e o xoves 26 de novembro, as sesións de contacontos englobaranse baixo o nome “Eu son así”, que incluirá contos que poñan en valor a existencia da diversidade. O mércores, a sesión será na biblioteca do Milladoiro e o xoves na de Bertamiráns. As sesións de contacontos están dirixidas a nenas e nenos entre os 3 e os 8 anos. A entrada é libre e gratuíta.