[02-04-2018] As nenas e nenos de Ames volverán poder gozar en abril das sesións de contacontos tanto nas bibliotecas municipais como nos locais sociais das parroquias. Nas bibliotecas do Milladoiro e Bertamiráns as sesións desenvolveranse, quincenalmente, os mércores e os xoves a partir das 17:00 horas. Pola súa banda, nos locais sociais das parroquias os contacontos terán lugar tamén cada quince días, os luns en Augapesada e os martes en Bugallido. Nas parroquias, os contacontos comezarán ás 18:15 horas. A entrada é sempre libre ata completar aforo.
As sesións de animación á lectura do Concello de Ames non se centran nunha única temática senón que cada mes abordan diferentes temas, sempre relacionados con aspectos de interese e de actualidade na formación emotiva, artística e formal das crianzas. Desta maneira, estas actividades procuran, alén de fomentar o gusto pola lectura, favorecer o desenvolvemento da linguaxe, promovendo unha educación igualitaria e en valores e fortalecendo o desenvolvemento cognitivo das nenas e nenos. Con estes obxectivos o Concello de Ames volve organizar o desenvolvemento de varias sesións de contacontos no mes de abril, tanto nas bibliotecas municipais como nos locais sociais das parroquias.
Na biblioteca de Bertamiráns a primeira das sesións de abril realizarase o mércores 4, mentres que a segunda terá lugar o xoves 19. No Milladoiro, a primeira das sesións desenvolverase o xoves 5 de abril e a segunda o mércores 18. Croco, croco! Cantos crocodilos contando contos é o título baixo o que se encadrarán as historias relatadas nas dúas primeiras sesións. O tema escollido para as dúas últimas é Todos a cantar! Esta tarde cantaremos contos. Estas sesións, que estarán dirixidas a crianzas entre os 3 e os 8 anos, darán comezo ás 17:00 horas.
Contacontos nos locais sociais de Augapesada e Bugallido
En Augapesada, a primeira sesión celebrarase hoxe luns 2 de abril. Nesta ocasión, o conto que se relatará será De cores e de amores, de Xabier P. DoCampo, que conta coas ilustracións de Xosé Cobas. A segunda das sesións de contacontos desenvolverase o luns 16 de abril, coa lectura do conto Un rato na casa, de Helena Villar Janeiro, e que conta coas ilustracións de María Fe Quesada. No local social de Augapesada, as sesións darán inicio ás 18:15 horas.
Quen son? é a obra escollida para a primeira das sesións de contacontos de abril no local social de Bugallido. Esta obra é da autora Alicia Borrás e do ilustrador Andrés Meixide. Esta primeira sesión terá lugar o martes, 3 de abril. A segunda das sesións celebrarase o martes 17, coa lectura do libro Herbalúa, de Marilar Aleixandre, e que ten ilustracións de Enjamio. Ambas as sesións comezarán ás 18:15 horas.


Contido relacionado

El Correo Gallego: "Volven os contacontos ós locais sociais e bibliotecas amesás neste mes de abril"
Compostela 24 horas: "Las sesiones de cuentacuentos vuelven a las bibliotecas municipales y a los locales sociales de las parroquias durante el mes de abril"




