Pestanas principais

As sesións de contacontos volven ás bibliotecas municipais e aos locais sociais das parroquias a vindeira semana

Mércores, 17 de xaneiro de 2018

[17-01-2018] Após o impass das vacacións de Nadal, a Concellaría de Educación e Cultura preparou para este mes de xaneiro novas sesións de contacontos, tanto nas bibliotecas municipais do Milladoiro e Bertamiráns como nos locais sociais das parroquias. As sesións desenvolveranse ao longo da próxima semana, entre o luns 22 e o xoves 25.


As actividades de animación á lectura que organiza a Concellaría de Educación e Cultura procuran amosar ás nenas e nenos, mediante sesións de contacontos, a maxia que agochan os libros. A primeira das sesións deste ano 2018 desenvolverase o vindeiro luns, 22 de xaneiro, ás 18:15 horas, no local social de Augapesada. O monstro de cores é a obra escollida para esta sesión. O seu protagonista, o mostro de cores, non sabe que lle pasa; fíxose un lío coas emocións e agora ten que desfacer o embrollo. O obxectivo desta historia é introducir ás cativas e cativos na linguaxe das emocións.

A programación de contacontos continúa o martes, 23 de xaneiro, ás 18:15 horas, no local social de Bugallido, coa obra Chicho Chicharra. O libro é unha divertida visión das coñecidas fábulas de Esopo e La Fontaine a través do galo Ernesto, a chicharra Chicho, o corvo Gundemaro e o sapoconcho Andrés. A historia está centrada en Chicho, nun tempo artista de sona, que acabou a súa vida pedindo polas portas.

A semana próxima tamén haberá sesións de animación á lectura nas bibliotecas municipais. O mércores, 24 de xaneiro, a biblioteca do Milladoiro acollerá unha nova sesión de contacontos, baixo o título Bo proveito! Contos de comidas para pasar a tardiña. A sesión repetirase na biblioteca de Bertamiráns o xoves 25. Estas sesións, que están dirixidas a nenas e nenos entre os 3 e os 8 anos, abordarán de xeito transversal dous temas chave na educación das máis cativas e cativos: a adopción de hábitos alimenticios saudables e a igualdade de xénero.

As sesións de animación á lectura non se centran nunha única temática, senón que cada mes abordan diferentes temas, sempre relacionados con aspectos de interese e de actualidade na formación emotiva, artística e formal das crianzas. Deste xeito, estas actividades procuran, alén de fomentar o gusto pola lectura, favorecer o desenvolvemento da linguaxe, promovendo unha educación igualitaria e en valores e fortalecendo o desenvolvemento cognitivo das nenas e nenos.


Contido relacionado


Ames Go: "As sesións de contacontos volven ás bibliotecas municipais e aos locais sociais"