Pestanas principais

As sesións de contacontos e a realización dun obradoiro centrado na obra de María Victoria Moreno protagonizan a programación de maio das bibliotecas

Luns, 30 de abril de 2018

[30-04-2018] Ao longo do mes de maio, as bibliotecas municipais do Milladoiro e Bertamiráns acollerán a celebración de tres sesións de contacontos: “Inventando contos. Escaparon as historias. Axúdasnos a atopalas?”, “Tic... Tac... Tic... Tac... Son as 5. Hora dos contos!” e, por último, “Contos no tendal. Historias de roupa”. Así mesmo, a programación de maio tamén incluirá a realización dun obradoiro centrado na obra de María Victoria Moreno, autora homenaxeada este ano polo Día das Letras Galegas. Dirixido ao alumnado de 2º a 6º de Primaria, o obradoiro “Navegando entre papel e contos Mar Adiante” terá lugar o día 19 en Bertamiráns e o día 25 no Milladoiro. Para participar será preciso inscribirse a través dos teléfonos 981 88 48 29 (Bertamiráns) ou 981 53 08 07 (Milladoiro) ou do enderezo de correo electrónico biblioteca@concellodeames.gal. As inscricións tamén se poden tramitar nas propias bibliotecas.



Obradoiro “Navegando entre papel e contos Mar Adiante
 
Con motivo da celebración do Día das Letras Galegas, as bibliotecas municipais acollerán a realización dun obradoiro centrado na papiroflexia e na obra Mar Adiante da autora homenaxeada neste 2018, María Victoria Moreno. O obradoiro, que se encadra dentro do programa Ler conta moito da Xunta de Galicia, será realizado pola empresa de educación e dinamización cultural Xandobela. 

O obradoiro, que estará dirixido a crianzas entre os cursos de 2º e 6º de Primaria, realizarase o sábado 19 na biblioteca de Bertamiráns, ás 11:30 horas; e o venres 25, ás 17:30h, na biblioteca do Milladoiro. Para a quenda de Bertamiráns, o prazo de inscrición permanecerá aberto entre o 7 e o 16 de maio. No Milladoiro, as inscricións deberán tramitarse nun período diferente, entre o 14 e o 23. As inscricións pódense realizar a través do enderezo de correo electrónico biblioteca@concellodeames.gal ou mesmo nas propias bibliotecas. Así mesmo, tamén se poden tramitar chamando aos números de teléfono 981 88 48 29 (Bertamiráns) ou 981 53 08 07 (Milladoiro). Cada quenda contará con 30 prazas dispoñibles. 

Contacontos nos locais sociais das parroquias
 En Augapesada, as sesións de contacontos desenvolveranse os luns, 7 e 21 de maio, ás 18:15 horas. A primeira das sesións estará centrada na obra A Casa da Mosca Chosca, un conto popular ruso que fala xustamente da casa desta mosca, na que hai unha torta de amoras, sete pratos, sete banquetas e sete animais a punto de merendar cando, de repente, alguén peta na porta. A segunda das sesións estará protagonizada polo libro Picurruchos. Esta obra relata a historia de Mamá Pimpona, que quere alimentar os seus famentos pimponciños sen recorrer a aqueles saborosos picurruchos. O libro aborda o absurdo de certas prohibicións, desde unha perspectiva fantasiosa e humorística. 

No local social de Bugallido, os contacontos serán á mesma hora, os martes, 8 e 22 de maio. A obra Brancaneves e os 77 ananiños, unha reinterpretación do conto clásico, centrará a primeira das sesións. O libro ofrecerá ao público asistente unha divertida historia chea de humor, na que se cuestionarán os estereotipos de xénero. A segunda sesión porá o foco na obra Un becho estraño, caracterizado pola rima e o ritmo na busca da función lúdica da lectura. As sesións de contacontos en Augapesada e Bugallido rematan este mes de maio ata o comezo do próximo curso escolar.


As actividades de animación á lectura das bibliotecas municipais do Milladoiro e Bertamiráns estarán conformadas no mes de maio pola celebración de tres sesións de contacontos, así como pola realización dun obradoiro centrado na obra Mar Adiante, da autora homenaxeada neste 2018 polo Día das Letras Galegas, María Victoria Moreno. Ambas actividades serán de balde.

As sesións de contacontos están dirixidas a nenas e nenos entre os 3 e os 8 anos. A primeira delas preséntase baixo o título Inventando contos. Escaparon as historias. Axúdanos a atopalas? Esta sesións celebrarase o mércores, 2 de maio, na biblioteca de Bertamiráns e o xoves, día 3, na do Milladoiro. A segunda das sesións, que leva por nome Tic... Tac... Tic.. Tac... Son as 5. Hora dos contos!, realizarase o martes 15 en Bertamiráns e o mércores 16 no Milladoiro. Pola súa banda, a terceira e última das sesións de contos, Contos no tendal. Historias de roupa, terá lugar o mércores 30 en Bertamiráns e o xoves 31 no Milladoiro. As sesións comezarán todas ás 17:00 horas. 


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Actividades de animación á lectura nas bibliotecas de Bertamiráns e O Milladoiro"
Compostela 24 horas: "Las sesiones de cuentacuentos y la realización de un taller centrado en la obra de María Victoria Moreno protagonizan la programación de mayo de las bibliotecas"