Pestanas principais

As sesións de contacontos de marzo levarán novas temáticas ás bibliotecas municipais e aos locais sociais das parroquias

Venres, 02 de marzo de 2018

[02-03-2018] As nenas e nenos de Ames volverán poder gozar en marzo das sesións de contacontos tanto nas bibliotecas municipais como nos locais sociais das parroquias. Nas bibliotecas do Milladoiro e Bertamiráns as sesións desenvolveranse, quincenalmente, os mércores e os xoves a partir das 17:00 horas. Pola súa banda, nos locais sociais das parroquias os contacontos terán lugar tamén cada quince días, os luns en Augapesada e os martes en Bugallido. Nas parroquias, os contacontos comezarán ás 18:15 horas. A entrada é sempre libre ata completar aforo.

As sesións de animación á lectura do Concello de Ames non se centran nunha única temática senón que cada mes abordan diferentes temas, sempre relacionados con aspectos de interese e de actualidade na formación emotiva, artística e formal das crianzas. Desta maneira, estas actividades procuran, alén de fomentar o gusto pola lectura, favorecer o desenvolvemento da linguaxe, promovendo unha educación igualitaria e en valores e fortalecendo o desenvolvemento cognitivo das nenas e nenos. Con estes obxectivos o Concello de Ames volve organizar o desenvolvemento de varias sesións de contacontos no mes de marzo, tanto nas bibliotecas municipais como nos locais sociais das parroquias.

Contacontos nas bibliotecas de Bertamiráns e do Milladoiro
Na biblioteca de Bertamiráns a primeira das sesións de marzo realizarase o mércores 7, mentres que a segunda terá lugar o xoves 22. No Milladoiro, a primeira das sesións desenvolverase o xoves 8 de marzo e a segunda o mércores 21. “Gato, Gato; esta tarde contos de gatos: un, dous, tres e catro” é o título baixo o que se encadrarán as historias relatadas nas dúas primeiras sesións. O tema escollido para as dúas últimas é o das sorpresas, que se presenta baixo o epígrafe “Nada é o que parece. Vén escoitar contos con sorpresas”. Estas sesións, que estarán dirixidas a crianzas entre os 3 e os 8 anos, darán comezo ás 17:00 horas.

Contacontos no local social de Augapesada
En Augapesada, a primeira sesión celebrarase o luns 5. Nesta ocasión, o conto que se relatará será A horta de Simón da ilustradora Rocío Alejandro. A través da súa lectura, as nenas e nenos coñecerán a historia de Simón, quen plantou moitas cenorias mais tamén moitas leitugas, tomates, berenxenas... ata que a súa horta medrou tanto que se encheu de hortalizas e de laboriosos agricultores. A segunda das sesións de contacontos desenvolverase o luns 19 me marzo, coa lectura do conto O poliño da abeleira. Baseada nun conto popular, a obra narra a historia dun poliño en apuros e dunha galiña que busca axuda en todas partes. No local social de Augapesada, as sesións darán inicio ás 18:15 horas.

Contacontos no local social de Bugallido
Cincenta e as zapatillas peludas é a obra escollida para a primeira das sesións de contacontos de marzo no local social de Bugallido. A obra, que é unha reinterpretación do conto clásico da Cincenta, constitúese como unha historia divertida e chea de humor que cuestiona os estereotipos de xénero, os cales impiden unha educación en igualdade de dereitos e oportunidades para nenas e nenos. Esta primeira sesión terá lugar o martes, 6 de marzo.

A segunda das sesións celebrarase o martes 20, coa lectura do libro Luna Parc en Pijamarama. Os protagonistas desta historia serán a montaña rusa, os coches de choque, as luces multicolor, a música e o barullo, cando o parque de atraccións se poña en movemento polo desprazamento da “lámina máxica”. Ambas as sesións comezarán ás 18:15 horas. 



Contido relacionado


Compostela 24 horas: "Augapesada y Bugallido contarán con nuevas sesiones de cuentacuentos en marzo"