[05-11-2018] Os cativos e cativas da casa poderán gozar de novo das sesións de contacontos nos locais sociais das parroquias de Augapesada e Bugallido. Así, este mes de novembro completase a programación de contacontos, que dende setembro se veñen realizando nas bibliotecas municipais, con dúas sesións quincenais nos locais sociais. Nas parroquias, os contacontos realizaranse os luns e martes ás 18.00h.
As sesións de contacontos chegan, un ano máis, aos locais sociais de Augapesada e Bugallido. Así, cada quince días, os luns realizarase unha sesión de contacontos no local social de Augapesada, e os martes no de Bugallido. Estas sesións de contacontos, que comezan ás 18:00 horas, son de entrada libre ata completar aforo.
A programación de contacontos no rural comezará en Augapesada hoxe, luns 5 de novembro. Nesta ocasión, o conto de Samaín que se relatará será Violeta quere ser vampiro, de Ramón D. Veiga e David Sierra. Esta mesma obra será contada mañá, a partir das 18.00 horas, aos rapaces que acudan ao local social de Bugallido.
A segunda das sesións de contacontos nas parroquias desenvolverase o luns 19 de novembro, coa lectura do conto A avoa adormecida de Roberto Parmeggiani, que conta coas ilustracións de João Vaz de Carvalho. Ao igual que a anterior sesión, esta tamén se realizará o martes en Bugallido ás 18.00h.
Desta maneira, completase a programación de contacontos que se realizará ao longo deste mes de novembro no concello de Ames, con outras dúas sesións nas bibliotecas municipais. A programación para as parroquias estenderase ata o mes de maio.





