Pestanas principais

Sesión de contos e cantos con Celso Fernández Sanmartín o próximo venres 8 de novembro

Xoves, 31 de outubro de 2019

Coa chegada do Samaín chega o medo, e para perdelo bo é unha sesión de contacontos cun dos mellores contadores deste país: Celso Fernández Sanmartín. O seu relato de “O home do saco e outros contiños de menos medo” terá lugar o vindeiro venres 8 de novembro, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Haberá dúas sesións, unha ás 17.00 horas e outra ás 18.00 horas, para as cales é necesario reservar praza enviando un correo a normalizacion@concellodeames.gal.

O departamento de Normalización Lingüística do Concello de Ames, a través do programa Apego, ten programado un contacontos de Celso Fernández Sanmartín para o vindeiro venres 8 de novembro. Unha sesión de contos e cantos de tradición oral para coñecernos un pouco mellor e perderlle o medo ao medo.

“O home do saco e outros contiños de menos medo” trata os medos que nos defenden de afoutarnos demasiado. Por iso, ás veces, arrodeamos para non parar por onde o camiño se pon escuro porque pensamos que o lobo nos agarda nel... ou un ladrón, ou unha curuxa, ou o silencio simplemente. Pero o lobo, e o ladrón, e a curuxa e o silencio collen tamén medo e foxen ao sentir os nosos pasos.

Para que sexan os relatos de Celso os que de verdade nos quiten os temores, terán lugar dúas sesións do seu contacontos, unha ás 17.00 horas e outra ás 18.00 horas. Pero só se pode asistir a elas con inscrición previa, xa que o aforo se limita a 30 familias por sesión.

Para formalizar a reserva, é necesario enviar un correo a normalizacion@concellodeames.gal indicando: sesión escollida, nome e apelidos das persoas asistentes, a idade das crianzas e un teléfono de contacto. Ademais, recoméndase que todas as familias que asistan leven unha mantiña para poder sentarse.

Cartel O home do saco e outros contiños de menos medo

Multimedia

  • Cartel O home do saco e outros contiños de menos medo