[27-02-2019] Co gallo do Día de Rosalía, celebrado o pasado domingo 24 de febreiro, a Concellaría de Normalización Lingüística de Ames organizou o sábado un percorrido polos lugares máis emblemáticos da vida e obra de Rosalía de Castro, figura capital do Rexurdimento da literatura galega e unha das escritoras máis importantes da literatura galega e española. Ao longo de máis de catro horas, María López Sández sementou a visita de datos actualizados e documentados da obra e da figura de Rosalía de Castro.




Dado o importante vínculo Rosalía de Castro con Ames, todo o concello se embarcou na conmemoración do 182 aniversario do nacemento da poeta. Para iso, desenvolveuse unha ampla e participativa programación na que tiveron cabida diferentes iniciativas como Rosalía na terriña, Rosalía tamén vive aquí, Caldo de gloria, Café con verso, a celebración dunha gala poética e musical arredor da súa figura ou unha nova excursión baixo o título Viaxando con Rosalía.
Ao abeiro desta última, realizada o sábado 23 de febreiro, María López Sández, profesora, escritora e estudosa da figura de Rosalía, guiou a arredor de 60 persoas nunha excursión na que se percorreron as localizacións máis emblemáticas da vida de Rosalía e moitos dos lugares reflectidos na súa obra. López Sández resaltou o vínculo afectivo da autora con Ortoño, lugar de onde era a súa familia paterna e a súa ama de cría. Todo parece indicar que o mesmo nome da escritora, Rosalía Rita, procede desa familia paterna posto que era un nome moi común nesa parroquia e que non había entre a familia materna ninguén chamado así.
Asemade, Sández insistiu no carácter alegre, valente, loitador e comprometido de Rosalía e na súa ampla formación cultural. Lembrou a actualidade e a modernidade da obra rosaliana e convidou ao público a achegarse a obra completa da autora, tanto á prosa novelada, coma aos artigos ou á poesía. Ao longo da actividade, o público puido tamén ter nas súas mans diferentes obras rosalianas ou estudos sobre a súa obra e a súa figura. Ademais, as persoas asistentes participaron en diferentes lecturas ao longo do percorrido.
A viaxe comezou ás 10:00 horas no Milladoiro e as 10:15 horas en Bertamiráns. A primeira parada foi no Pazo da Peregrina, un dos espazos relacionados coa familia paterna da autora. De alí pasouse á casa da Tarroeira, na parroquia de Ortoño, a casa que no seu día pertencera aos Martínez Viojo, a familia paterna de Rosalía, e onde en 1923, como homenaxe a autora, se fundou o Seminario de Estudos Galegos. En Ortoño visitouse tamén a igrexia parroquial.
Dende alí, os e as participantes achegáronse Brión, onde puideron ver de preto a igrexa de Bastavales e escoitar o repenique as súas campás que tan ben inmortalizou Rosalía na súa obra. De seguido, a visita continuou ata Padrón, máis concretamente á Casa da Matanza, onde a autora pasou os seus últimos anos de vida, convertida hoxe na Casa Museo de Rosalía de Castro e sede da fundación que leva o seu nome. A casa- museo alberga moitas obras orixinais de Rosalía e pinturas do seu fillo Ovidio Murguía de Castro. Conta cunhas instalacións recentemente modernizadas e actualizadas, con moitos recursos didácticos e con material audiovisual que nos permiten coñecer mellor a vida e a obra de Rosalía de Castro e da súa familia, e entender a importancia de Rosalía como figura central da cultura galega.





