[06-10-2014] O Motoclub Ameixenda, en colaboración co Concello de Ames, organizou este domingo, 5 de outubro, a proba de supercross “Gran Premio Concello de Ames 2014” coa que se inaugurou o novo circuíto que leva por nome “Alex de Moure” e que está situado no lugar do Vilar na parroquia da Ameixenda. Sergio Fernández García impúxose na categoría elite, mentres que en veteranos o gañador foi Rafael Rodríguez Alonso. Na categoría de promoción gañou Francisco Javier Fernández García; na categoría de 85 cc o primeiro clasificado foi José Canosa Fernández, e en alevíns o gañador foi Nicolás Soutullo Vidal. Finalmente participaron un total de 38 pilotos. O alcalde de Ames, Santiago Amor, e a concelleira de Deportes, María Eugenia Martín, participaron na entrega de premios.
Categorías de 85 cc e alevín
Por outra banda, na categoría que toma como punto de referencia a cilindrada máxima das motos (85 cc) venceu José Canosa Fernández. Na segunda posición quedou Caetano Horta Pombo, mentres que Daniel González Galván foi terceiro. Por último, na categoría alevín o gañador foi Nicolás Soutullo Vidal.
Coa organización desta proba o Motoclub Ameixenda celebrou a súa décimo cuarta edición, constituíndose como o único Motoclub de toda Galicia que leva realizadas 14 probas consecutivas. Segundo os organizadores isto é posible grazas á colaboración do Concello de Ames, e de varias empresas particulares e outras entidades oficiais.
Esta foi a primeira proba que o Motoclub da Ameixenda organizou no novo circuíto “Alex de Moure”. Este recinto de máis de 17.000 metros cadrados conta cun amplo aparcadoiro, situado a escasos metros, e cunhas condicións óptimas tanto para a práctica do deporte como para contemplación do mesmo. A organización destacou que “todo saíu segundo o previsto e o mellor foi que non houbo ningunha lesión”. Ademais, o presidente do Motoclub Ameixenda. José Manuel Moure, indicou que “esta proba tivo unha gran afluencia de público acudindo máis de 500 persoas.”
A proba comezou as 9:00 horas coas verificacións técnicas e administrativas, continuando cos adestramentos libres o longo de toda a mañá, onde os pilotos tomaron contacto co novo circuíto. Despois de xantar, ás 16:00 horas, comezaron as diversas carreiras por categorías. Houbo dúas mangas por categoría polo que se puideron ver un total de 10 carreiras. Finalmente participaron un total de 38 pilotos. Na categoría elite gañou Sergio Fernández García, mentres que na segunda posición quedou Ángel Suárez Alonso. O terceiro posto foi para Juan Manuel Outón Rodiño.
Na categoría de veteranos gañou Rafael Rodríguez Alonso. O segundo posto foi para Juan Alonso Crispín. Na terceira posición quedou o piloto amiense e presidente do Motoclub Ameixenda, José Manuel Moure. Na categoría de promoción o gañador foi Francisco Javier Fernández García, a segunda posición foi para Cristián Laíño Caamaño, e terceiro quedou Juan Moscoso Bertua.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Sergio García gaña o Gran Premio Concello de Ames de Supercross"




