Pestanas principais

Sergio Fernández García gaña o Gran Premio Concello de Ames-Dagan Cup Supercross 2016

Luns, 16 de maio de 2016

[16-05-2016] O Motoclub Ameixenda, en colaboración co Concello de Ames e maila Deputación da Coruña, organizou este domingo, 15 de maio, a proba de supercross “Gran Premio Concello de Ames-Dagan Cup Supercross 2016”, que se desenvolveu no circuíto SX “Alex de Moure”, situado no lugar do Vilar na parroquia da Ameixenda. Nesta proba participaron preto de 100 pilotos de supercross de toda Galicia. Sergio Fernández García gañou en categoría elite nunha xornada na que o piloto local, José Manuel Moure, quedou cuarto na categoría de veteranos. Na categoría de veteranas a primeira posición foi para Silvia Rivas Magariños.


O bo tempo acompañou para o desenvolvemento do “Gran Premio Concello de Ames-Dagan Cup Supercross 2016”, que contou cunha gran afluencia de público no circuíto SX “Alex de Moure”. A proba comezou ás 9:00 horas coas verificacións técnicas e administrativas, continuando cos adestramentos libres e de clasificación. A partir das 16:00 horas desenvolvéronse as diversas carreiras por categorías. Houbo dúas mangas por categoría polo que se puideron ver un total de 16 carreiras. Os participantes estiveron divididos en oito categorías diferentes: elite, veteranos, promoción, 85 cc, alevín de 6 a 9 anos, alevín de 6 a 11 anos, féminas e hobby que son os que se inician neste deporte.

A Dagan Cup 2016 está composta de dez probas, das cales dúas desenvólvense en Ames. A primeira tivo lugar este domingo, mentres que a segunda está prevista para o mes de outubro. Nestes intres está confirmada a celebración de oito probas, as outras dúas están pendentes de pecharse. A proba desta fin de semana foi a cuarta en disputarse este ano. Previamente, celebráronse dúas en Vigo e unha en Riveira.

Na categoría elite gañou Sergio Fernández García, mentres que na segunda posición quedou José Feijóo Iglesias. O terceiro posto foi para Marcos Fernández González. Na categoría de veteranos gañou Pepy Rodríguez Paz. O segundo posto foi para Óscar Barcia e na terceira posición quedou Tony Karra. O piloto amesá e presidente do Motoclub Ameixenda, José Manuel García Moure, quedou na cuarta posición.

Categoría de veteranas
Na categoría de veteranas a primeira posición foi para Silvia Rivas Magariños, no segundo posto quedou Alba Baloiras, e terceira foi María Iglesias. Na categoría de promoción o gañador foi Daniel González, a segunda posición foi para Juan Carlos Muñiz López e terceiro quedou Jacobo Calvo Rodríguez.

Por outra banda, na categoría hobby gañou en Ames Damián Suárez Mariño, seguido de Bernardo Balboa Garrido e Adrián Pérez Fernández. En promesas gañou José Canosa Fernández. A continuación entrou na liña de meta Caetano Horta Pombo e pechou o podio Samuel Vázquez Roca. Na categoría alevín +8 gañou Nicolás Soutullo Vidal. Acompañárono no podio Hugo Amado de Miguel e Guillermo Loureiro Amado. Por último, na categoría alevín +6 o podio estivo composto por Fran Vilas Fernández, Pablo Veiga Moreiras e Javier Castrillo Pérez.

Unha vez rematadas todas as carreiras, realizouse o acto de entrega de premios ao que asistiu en representación do goberno municipal, o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García. A xornada desenvolveuse con total normalidade, con moita afluencia de público e sen ningún accidente de gravidade.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Damián Suárez sigue liderando la Dagan Cup"