[03-11-2015] O Motoclub Ameixenda, en colaboración co Concello de Ames, a Deputación da Coruña, o corpo de Protección Civil do Concello de Santiago e o salón de beleza Paula de Bertamiráns, organizou este luns, 2 de novembro, a proba de supercross “Gran Premio Concello de Ames-Dagan Cup Supercross 2015”, que se desenvolveu no circuíto SX “Alex de Moure”, situado no lugar do Vilar na parroquia da Ameixenda. Nesta proba participaron arredor de 80 pilotos de supercross de toda Galicia. O alcalde de Ames, José Miñones, foi o encargado de entregarlles os premios aos gañadores. Sergio Fernández gañou en categoría elite nunha xornada na que o piloto local, José Manuel Moure, quedou cuarto na categoría de veteranos.
O bo tempo acompañou desta vez para o desenvolvemento do “Gran Premio Concello de Ames-Dagan Cup Supercross 2015”, que contou cunha gran afluencia de público no circuíto SX “Alex de Moure”. A proba comezou as 11:00 horas coas verificacións técnicas e administrativas, continuando cos adestramentos libres e, a partir das 15:00 horas, coas diversas carreiras por categorías. Houbo dúas mangas por categoría polo que se puideron ver un total de 12 carreiras. Os participantes estiveron divididos en seis categorías diferentes: elite, veteranos, promoción, hobby, promesas e alevín.
Na categoría elite gañou Sergio Fernández, mentres que na segunda posición quedou Juan Manuel Outón. O terceiro posto foi para Óscar Barciela. Na categoría de veteranos gañou Tony Karra, como xa fixera na primeira proba da Dagan Cup disputada en Ames o pasado mes de xuño. O segundo posto foi para Óscar Barcia e na terceira posición quedou Samuel de Santiago. O piloto amesá e presidente do Motoclub Ameixenda, José Manuel Moure, quedou na cuarta posición, tras facer terceiro na primeira manga e cuarto na segunda. Na categoría de promoción o gañador foi Carlos Morirás, a segunda posición foi para Daniel González e terceiro quedou Alberto Díaz.
Por outra banda, na categoría hobby repetiu en Ames Cristian Tubío, seguido de Jesús Salomón e Raúl Villar. En promesas gañou José Canosa. A continuación entrou Caetano Horta e pechou o podio Samuel Vázquez. Por último, na categoría alevín volveu gañar en Ames Nicolás Soutullo. Acompañárono no podio Guillermo Loureiro e Adrián Castro.
O alcalde de Ames, José Miñones, foi o encargado de facer entrega dos trofeos aos tres primeiros clasificados de cada categoría. A xornada desenvolveuse con total normalidade, con moita afluencia de público e sen ningún accidente de gravidade.

Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Sergio Fernández superó a Juan Outón en la Dagan Cup"
El Correo Gallego: "Sergio Fernández gañou o GP Concello de Ames-Dagan Cup Supercross 2015"




