[14-02-2011] Durante esta semana continúan as actividades de animación á lectura organizadas polas bibliotecas municipais amesás. "Conto, contas, contan... Cantos contos contas ti?", este é o lema da programación de animación á lectura que puxo en marcha a biblioteca municipal para este curso. Estas actividades desenvolveranse nas bibliotecas de Bertamiráns e do Milladoiro, así como nos locais sociais de Augapesada e Bugallido. Con contacontos e obradoiros, a programación das actividades de animación á lectura, organizadas pola biblioteca municipal dependente da Concellaría de Educación e Servizos Complementarios, dánlles a oportunidade aos nenos e nenas de achegárense aos libros dun xeito máis divertido.
As bibliotecas municipais de Ames programaron unha serie de actividades co fin de continuar fomentando a lectura entre os máis cativos. Trátase de sesións de contacontos adecuadas ás diferentes idades e realizadas en varios lugares do municipio. Os rapaces e rapazas maiores de 3 anos teñen catro sesións distintas de contacontos nas que as animadoras á lectura das bibliotecas municipais e a mascota, Lepi, narrarán historias sobre o amor.
A temática dos contos xirará arredor do amor. Debido a que hoxe se celebra o día dos namorados o amor centra a temática dos contos durante todo este mes. As actividades de contacontos levaranse a cabo en varios lugares, dependendo do día. Todas as actividades de contacontos terán lugar ás 18:00 horas. Os contacontos comezarán hoxe no local social de Augapesada e continuarán mañá martes 15 no local social de Bugallido. O mércores 16 a cita será na biblioteca de Bertamiráns e rematarán o xoves 17 na biblioteca do Milladoiro.
Ademais, os días 9 e 10 de marzo está prevista a celebración de dous obradoiros para celebrar o Día da muller traballadora -que ten lugar o 8 deste mesmo mes-. Así, o mércores 9 en Bertamiráns e o xoves 10 no Milladoiro celebraranse estes obradoiros dirixidos a nenos e nenas maiores de 8 anos. A data de inscrición vai do 21 de febreiro ao 5 de marzo e os que o desexen deben inscribirse nas bibliotecas destas dúas poboacións, lugar onde se celebrarán estes obradoiros a partir das 18.30 horas os dous días.
Estes actos constarán da lectura dunha carta dirixida ás nais, falarán sobre os traballos que estas realizan, participarán en xogos relacionados con distintas profesións que habitualmente se relacionan cun sexo determinado -polo que se intentará cambiar esa costume e falarlle aos rapaces e rapazas da necesidade de cambiar este costume de identificar determinadas labores coa muller e outros co home como se fose o natural-; e falaráselles da necesidade de traballar a prol da igualdade entre homes e mulleres.
A nova noutros medios dixitais:
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Cuentacuentos para fomentar la lectura en Ames"