Pestanas principais

A Semana do libro de Ames culmina este sábado coa celebración de Literatura na praza

Venres, 26 de abril de 2019

Ao longo desta semana, o Concello de Ames conmemora a Semana do Libro mediante unha ampla programación de actividades cunha única protagonista: a literatura. Este programa pechase este sábado, 27 de abril, coa celebración da iniciativa “Literatura na Praza”, durante a que se desenvolverán un amplo abano de actividades, entre as que se inclúen a presentación do libro do XV Certame Literario Concello de Ames. Desta maneira, a partir das 17:00 horas, a praza do Concello de Bertamiráns acolle a realización dun obradoiro, unha mesa redonda, a exposición, venda e presentación de libros e o desenvolvemento de varios espectáculos musicais e poéticos.

A praza do concello de Bertamiráns é, un ano máis, o lugar escollido para acoller o acto central da Semana do Libro de Ames. Así, este sábado entre as 17.00 e as 20.30h, haberá exposición e venda de libros da man de Follas Novas e Brazolinda. Así mesmo, tamén haberá un Recuncho da lectura, onde se poderá ver unha mostra bibliográfica do día do libro e das letras; e un obradoiro de flores.

Por outra banda, tamén ás 17.30 horas, terá lugar no salón de plenos da Casa do Concello a presentación do libro antolóxico dos textos gañadores do XV Certame Literario Concello de Ames. A esa mesma hora, tamén se desenvolverá o contacontos teatralizado O cociñeiro Antón e a pasteleira Tomasa a cargo do Teatro Calavera.

De seguido, ás 18.00 horas, o salón de plenos acollerá unha mesa redonda sobre Literatura actual e autores locais, na que intervirán María López Sández, Victor Freixanes e Carlos Negro. Por último, ás 19.00 horas, esta edición de Literatura na praza rematará coa actuación de Paco Nogueiras Brinca Vai! De aquí a acolá.

A Semana do Libro achega a literatura a todos e todas
A Concellaría de Cultura organizou para a semana do 22 ao 27 de abril unha intensa programación para conmemorar o Día do Libro, composta por sesións de contacontos, obradoiros, representacións e presentacións de libros. A programación comezou este luns, 22 de abril, con tres eventos simultáneos. Deste xeito, na biblioteca de Bertamiráns realizouse o contacontos O lobo con botas, da asociación Biosbardos, mentres que na biblioteca do Milladoiro tivo lugar a representación de A fada pirata de Carlos Labraña. No local social de Augapesada houbo unha sesión de contacontos centrada na obra Maruxa.

A programación continuou ao día seguinte no local social de Bugallido co contacontos Maruxa, e na biblioteca do Milladoiro co obradoiro creativo Minicontos: grandes historias en formato pequeno. Asemade, o mércores e o xoves levouse a cabo a sesión de contacontos 1, 2, 3... empeza o contiño xa, en ambas bibliotecas municipais, e o venres os/as cativos/as do Milladoiro puideron participar no obradoiro Minicontos: grandes historias en formato pequeno.

Esta semana, ademais, tamén se puxeron en marcha as iniciativas cita a cegas cun libro entre os usuarios das bibliotecas municipais de Ames, e a tradicional solta de libros nas dependencias do concello, nas bibliotecas e nos centros de saúde. Esta última consistiu na colocación estratéxica de libros en diversas localizacións para alegrar e entreter a espera dos e das amesás a través da lectura.

Ligazóns

A Semana do libro de Ames culmina este sábado coa celebración de Literatura na praza