Pestanas principais

Semana de contacontos en Ames

Mércores, 12 de abril de 2017

[12-04-2017] Os locais sociais de Auga Pesada e Bugallido e as bibliotecas municipais de Bertamiráns e Milladoiro acollerán a próxima semana novas sesións de contacontos. O luns 17, en Auga Pesada, contaranse contos que levan por lema Contos en clave de sol. O martes 18, en Bugallido os contos responden á pregunta: Vacas na cidade? Por outra banda, a biblioteca de Bertamiráns ten programados contacontos para o mércores 19 e a biblioteca do Milladoiro para o xoves 20. En ámbolos dous casos o título das sesións é Mergullámonos? Todas as sesións de contacontos desenvolveranse a partir das 18:00 horas.

A Concellaría de Educación e Cultura promove estas sesións de contacontos dentro do programa de actividades de animación e fomento da lectura. Os contacontos diríxense especialmente a nenos e nenas de entre 3 e 9 anos. Os máis miúdos adoitan a asistir acompañados e acompañadas da familia, de xeito que os papás e as mamás tamén se benefician das contadas e adquiren novas ferramentas para seguir contando contos na casa.

Este curso os contos non se centran nunha única temática, senón que durante cada mes abórdanse temas distintos, sempre relacionados con aspectos de interese e de actualidade na formación emotiva, artística e formal dos máis cativos. Así os máis pequenos e pequenas de Ames, ademais de fomentar o gusto pola lectura e favorecer o desenvolvemento da linguaxe, poderán promover a educación igualitaria e en valores, ao igual fortalecer o desenvolvemento cognitivo, e gozar xunto coas súas familias dun tempo de lecer.