Pestanas principais

As seleccións de Lugo e A Coruña proclámase campioas na fase final de seleccións sub 14 que se disputou este fin de semana en Ames

Luns, 19 de maio de 2014

[19-05-2014] O Concello de Ames e o Bertamiráns FC organizaron, de xeito conxunto coa Federación Galega de Fútbol, a fase final de seleccións locais sub 14, que se disputou este domingo, 18 de maio, nos campos municipais de fútbol de Bertamiráns e do Milladoiro. Este evento deportivo enmarcouse dentro da programación de actividades que está organizando o Bertamiráns FC con motivo da celebración do seu 80 aniversario. A selección de Lugo adxudicouse o final feminina, mentres que a selección da Coruña gañou a final masculina. Na entrega de premios estiveron a concelleira de Deportes, María Eugenia Martín, o concelleiro de Educación, Bernardo Moar, o presidente do Bertamiráns FC, Rafael Budiño, e os vicepresidentes da Federación Galega da Fútbol, Juan Carlos Vázquez Veras e Antonio Fernández Lendoiro.

Os campos municipais de fútbol de Bertamiráns e do Milladorio acolleron este domingo, 18 de maio, a fase final de seleccións sub 14. O domingo pola mañá disputáronse as semifinais masculinas e femininas. Primeiro disputáronse as semifinais femininas. No campo municipal de fútbol de Bertamiráns enfrontáronse a seleccións de Lugo contra a selección de Santiago de Compostela, que rematou co resultado de 4-2 a favor das lucenses. Por outra banda, no campo de fútbol do Milladoiro xogaron as seleccións de Vigo e A Coruña. Este encontro rematou co resultado de 3-1 a favor das viguesas.

No apartado masculino, o campo municipal de fútbol de Bertamiráns acolleu a semifinal que enfrontou ás seleccións de Ourense e A Coruña, mentres que no campo municipal do Milladoiro xogouse a outra semifinal, que enfrontou ás seleccións de Vigo e Ferrol. Na primeira semifinal impúxose A Coruña, que superou á selección de Ourense por 5-0. Na outra semifinal Vigo gañoulle a Ferrol por un contundente 6-1.

Finais feminina e masculina en Bertamiráns
Xa pola tarde, xogáronse as finais no campo municipal de fútbol de Bertamiráns. Ás 16:30 horas disputouse a final feminina entre as seleccións de Vigo e Lugo. Na primeira parte a selección de Vigo adiantouse no marcador cun gol de Andrea. Na segunda parte a selección de Lugo conseguiu o empate cun gol de Lucia, e no minuto 80, Lara de falta logrou o segundo gol para as lucenses que se proclamaron campioas co resultado de 2-1.

A continuación, ás 18:00 horas, disputouse a final masculina, entre as seleccións de Vigo e A Coruña. Neste partido, Yago marcou o primeiro gol a favor da Coruña aos 15 minutos, pero no minuto 30 Alejandro conseguiu o gol do empate para Vigo. Tras o descanso as forzas seguiron parellas, e no minuto 70, Marcos marcou o 2-1 para a selección da Coruña que conseguiu o título sub 14.