Pestanas principais

A segunda quincena da Escola de Verán continúa cargada de arte urbana

Xoves, 18 de xullo de 2019

Esta semana a Escola de Verán comeza a segunda quincena de xullo, durante a que se continuará desenvolvendo a temática do arte urbano iniciada durante o programa Xuño Lúdico. Mediante estes programas, o Concello de Ames a través da Concellaría de Educación e Cultura busca facilitarlle ás familias a conciliación entre a vida laboral e familiar durante a época estival. Así, na primeira quincena participaron un total de 364 nenos e nenas, dos cales 168 o fan en Bertamiráns e 196 no Milladoiro. Ao longo do verán, hai previsto que 481 rapaces e rapazas asistan á Escola de Verán 2019 en ambos núcleos.

As dúas primeiras semanas de xullo, as nenas e nenos que participaron na Escola de Verán mergulláronse de cheo na arte urbana a través de distintas actividades orientadas a  que os cativos/as exteriorizasen a súa creatividade. Este ano decidiuse escoller a arte urbana como tema central deste lúdico pola súa capacidade para servir de encontro social inclusivo, posto que a creatividade e a arte non entenden de distincións de sexo, orixe ou cultura. Asemade, cada un/unha dos pequenos e pequenas poden botar man da súa visión e dos aspectos que coñecen para enriquecer as súas obras.

Deste xeito, o obxectivo desta proposta é descubrir as habilidades artísticas dos nenos e nenas a través das expresións de arte na cultura urbana, ao tempo que se normaliza entre eles o uso do galego e das particularidades culturais de Galicia á hora de crear, partindo sempre da base de que todos e todas podemos crear arte urbana e aportar algo á nosa sociedade.

Así, os/as participantes iniciáronse en diversas técnicas utilizadas polos artistas plásticos á hora de realizar as súas obras nas rúas, e achegáronse a algunhas das pezas máis coñecidas de distintos/as artistas urbanos, tanto a nivel nacional como internacional. Durante estas sesións, os cativos/as coñeceron a técnica do esterxido, que consiste no emprego dun patrón cun debuxo recortado sobre o que se aplica pintura ata conseguir un debuxo coa forma da plantilla.  A continuación, os pequenos/as botaron man de todos os novos coñecementos para realizaron murais abstractos no patio e elaborar pequenas obras para decorar os seus espazos de traballo.
 
Os e as participantes dividíronse tamén en catro grupos segundo os seus intereses: rapeiros, parkoureiros, grafiteiros e skaters. Ditos grupos xogaron un Campionato de Colpbol, que rematou moi igualado. O Colpbol é un xogo colectivo que ten a finalidade de fomentar ao máximo a participación de todos/as as xogadoras, con independencia do seu nivel físico, para reducir ao mínimo as diferencias individuais. Ademais, os nenos e nenas tamén aproveitaron o bo tempo para visitar con asiduidade a piscina municipal.

Así, a Escola de Verán en xullo xirou en torno ao parkour, á música, os graffitis ou o skate, entre outras disciplinas. Así, os rapaces e rapazas participarán en diversas actividades enfocadas no traballo en equipo, o exercicio e a diversión. Ademais, estas actividades e dinámicas complétanse con xogos de distensión, speak and play, xogos na natureza, xogos cooperativos, diverciencia e moitas alternativas para gozar un verán diferente.

Ligazóns:

Compostela 24h: "Arte urbana na Escola de Verán de Ames"

Escola de Verán 2019 xullo

Multimedia

  • Escola de Verán 2019 xullo
  • Escola de Verán 2019 xullo
  • Escola de Verán 2019 xullo