Pestanas principais

A segunda quedada da Manada Canina convoca o domingo 28 a cans e donos na praia fluvial de Tapia

Martes, 23 de febreiro de 2016

[23-02-2016] Este domingo, 28 de febreiro, os cans da provincia da Coruña están convidados a achegarse cos seus donos e donas até a praia fluvial de Tapia, sendo así partícipes da segunda quedada convocada polo movemento Manada Canina. A actividade, que inclúe un roteiro polas inmediacións da praia fluvial de Tapia, comezará ás 10:00 horas da mañá, e foi convocada de forma simultánea nas distintas provincias do estado español.

Un grupo de voluntarios e voluntarias agardarán ás 9:30 horas no aparcadoiro do supermercado Carrefour de Bertamiráns para guiar a aqueles e aquelas que non coñezan a ruta a Tapia.

Manada Canina ten poucas semanas de vida e naceu como un proxecto que busca reunir a persoas e mascotas para pasar tempo de ocio cos seus cans, á vez que descobren novos roteiros de paseo. A participación é aberta e completamente gratuíta.

O Concello de Ames colabora nesta iniciativa ofrecendo o espazo da praia fluvial de Tapia e propoñendo un roteiro de 6-7 quilómetros de duración deseñado de forma circular. Os donos e donas dos cans participantes deberán traer da casa un lazo que lle atarán ás súas correas. Estes lazos están pensados para sinalar o grao de sociabilidade a súa mascota, sendo a cor verde o grao máis alto de sociabilidade, seguida pola cor laranxa e pola vermellas.

Un membro do fogar para animais, Refuxio do Bando, acudirá cun grupo de cadelos e cadelas, como parte dunha iniciativa para fomentar a acollida temporal ou a adopción de animais de foron abandonados.

Para percorrer o roteiro os participantes dividiranse en cores, deixando distancia entre uns e outros grupos e para evitar problemas de convivencia durante a actividade. Donos e donas deben acudir tamén cunha cartilla de identificación dos seus cans ou cadelas. Os animais demasiado maiores, polo risco que supón para a súa saúde, as cadelas en celo e os cachorros moi novos que estean aínda sen vacinar non poderán participar no roteiro.