[16-11-2012] A concelleira de Cultura do Concello de Ames, María Eugenia Martín, asistiu esta mañá en Santiago á presentación da segunda edición do Club de Debate e asinou a addenda ao protocolo de colaboración xa existente en torno a esta iniciativa. O Club de Debate é un programa de promoción do uso da lingua que organizan conxuntamente os servizos de normalización lingüística de varios concellos. Nesta segunda edición, participan un total de dez concellos: Ames, Carballo, Cee, Ferrol, Ourense, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela, Teo e Vigo. O concello de Ames participa agrupado cos municipios da comarca de Santiago e acollerá a final comarcal.
A reunión preparatoria desta iniciativa celebrouse o pasado mes de outubro en Ames, e nela avaliouse o desenvolvemento do Club de Debate durante o curso pasado e déronse pasos para organizar unha nova edición desta actividade. Trátase dunha Liga de debate dirixida aos escolares de educación secundaria que contará con fases local, comarcal e galega. A través do Club do Debate preténdese incentivar entre os máis novos/as o emprego da lingua, traballar a fluidez comunicativa a través da oratoria ademais de incitar o pensamento crítico e a tolerancia.
Tras o acto celebrado no Concello de Santiago, María Eugenia Martín amosouse “satisfeita porque Ames tome parte nunha iniciativa tan enriquecedora e interesante, que permite achegar aos rapaces o uso do galego en distintos ámbitos”. A concelleira de Cultura subliñou “a importancia da colaboración entre os municipios para que saían adiante iniciativas deste nivel”.
Este proxecto, que tivo como antecedente unha iniciativa do Concello de Pontevedra, naceu ao abeiro do que sinala o Plan Xeral de Normalización Lingüística para un dos sectores que considera estratéxico, a mocidade, e recolle a responsabilidade que lle atribúe á Administración local no seu cumprimento. Formúlase con base no obxectivo xeral de impulsar o uso da lingua galega cunha visión moderna, afable e útil desta e reforzando a súa estima. Procura activar o uso oral do idioma en contextos formais (os propios debates) e informais (a convivencia entre os participantes durante todo o desenvolvemento da actividade).
Os contidos que se traballan principalmente teñen que ver coas habilidades comunicativas e a oratoria, mais tamén é necesario un proceso de documentación sobre o(s) tema(s) dos debates que achega nocións, datos e argumentos e tamén teñen moita importancia outras cuestións transversais como o fomento do pensamento crítico, da tolerancia fronte á diversidade de opinións e o traballo en equipo.
Organización
O Club de Debate organízase como un torneo por equipos en fases locais, comarcais e galega nas que os participantes teñen que defender, por quendas, a posición favorable e contraria sobre o tema proposto consonte unhas estritas regras de funcionamento.
Os grupos participan en nome dun centro escolar e teñen que estar formados por entre 4 e 10 membros de 3º, 4º de ESO ou 1º de bacharelato. Cada equipo estará dirixido por un/unha preparador/a, papel que corresponde a un profesor ou profesora do seu centro, e poderá asistir a un curso de formación inicial para coñecer polo miúdo as normas dos debates e practicar tamén as destrezas necesarias.
Os temas dos debates locais e comarcais son seleccionados contando coas propostas dos centros de ensino e inclúen cuestións relacionadas coa lingua mais tamén outros asuntos de actualidade que suscitan polémica na sociedade. O tema da final galega desta edición será: “O galego é unha oportunidade” e queda fixado na addenda que hoxe se asina.
Este documento recolle tamén as incorporacións dos concellos de Ourense e Cee que non participaron na edición anterior, o calendario das diferentes fases da competición e a cidade sede da final galega que, nesta ocasión corresponde a Santiago de Compostela e se vai celebrar o 4 de maio.
En función do número de equipos que se inscriban (antes do 30 de novembro na maioría dos concellos), organizaranse as competicións locais ou comarcais das cales sairá seleccionado o equipo de cada comarca que asista á competición final. Cada un destes equipos campións comarcais recibirá tamén un premio en material cultural valorado en 500 euros e para o segundo clasificado haberá outro agasallo, tamén en material cultural, valorado en 300 euros. Nesta edición prevese aumentar o número de comarcas que pasarán das catro da primeira edición a seis, de haber suficientes inscricións en todas elas.
O equipo que logre o premio final terá a oportunidade de participar nunha viaxe-convivencia dunha fin de semana para un máximo de 25 persoas nun espazo de interese natural e cultural da nosa comunidade.




