Pestanas principais

A segunda charla da nova edición do programa Falemos de Saúde abordará as técnicas de relaxación e a sobrecarga das persoas coidadoras

Luns, 28 de maio de 2018

[28-05-2018] Este mércores, 30 de maio, o local de JUPEMI no Milladoiro acollerá, ás 17:30 horas, unha nova charla do programa municipal Falemos de Saúde. Nesta ocasión, a charla-obradoiro estará centrada na sobrecarga das persoas coidadoras, polo que nela se abordarán diferentes técnicas de relaxación que servirán de axuda á hora de xestionar situacións de estres ou ansiedade. A persoa encargada de impartila será a psicóloga do Centro de Información á Muller de Ames (CIM), Mónica Antelo. Esta segunda edición do programa Falemos de Saúde conta coa colaboración da Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria (AGEFEC).

O pasado 9 de maio inaugurábase unha nova edición do programa Falemos de Saúde, coa realización dunha charla centrada no exercicio físico na terceira idade. Este mércores, 30 de maio, o local de persoas xubiladas JUPEMI no Milladoiro acollerá unha nova sesión deste programa, a partir das 17:30 horas. A charla-obradoiro deste día será impartida pola psicóloga do Centro de Información á Muller de Ames, Mónica Antelo, e nela abordarase a sobrecarga das persoas coidadoras.

Desta maneira, a charla-obradoiro consistirá nunha táboa de exercicios de relaxación, que estarán dirixidos á aliviar a sobrecarga física e emocional das persoas coidadoras. Neste sentido, a charla tentará ofrecer unha serie de exercicios que ensinen ás persoas, tanto se son coidadoras como se non, a xestionar situacións de estres ou ansiedade, axudándoas tamén a combater afeccións físicas como a rixidez muscular.

Nove charlas-obradoiros máis ata finais de ano
A terceira charla desta segunda edición do programa Falemos de Saúde, que terá lugar o 13 de xuño, abordará a alimentación saudable como un estilo de vida. Posteriormente, producirase un pequeno parón estival que finalizará o 26 de setembro coa realización dunha nova sesión, centrada, nesta ocasión, na diabetes, na súa prevención e nos seus coidados.

Xa en outubro, o día 10, realizarase unha quinta palestra na que se tratará a prevención de determinados problemas de memoria. O tema protagonista da seguinte charla, que terá lugar o día 24, será a saúde mental, nomeadamente a xestión das emocións e do dolo.

No mes de novembro, celebraranse catro charlas máis dentro do programa Falemos de Saúde. O día 7, a palestra abordará a sexualidade na madurez; mentres que a charla do 21 de novembro tratará acerca das dores musculares. O día 28, a palestra estará centrada no solo pélvico e nas súas problemáticas. Por último, o 12 de decembro, a última das charlas desta nova edición do Falemos de Saúde analizará a correcta administración de fármacos e a organización do tratamento. Este ciclo de charlas-obradoiros está organizado polo Concello de Ames en colaboración coa Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria (AGEFEC).

Contido relacionado


Compostela 24 Horas: "A segunda charla da nova edición do programa Falemos de Saúde abordará as técnicas de relaxación e a sobrecarga das persoas coidadoras"