Pestanas principais

Segue aberto o prazo de inscrición para participar no obradoiro de postais de Nadal que se impartirá na Aula de Informática do Milladoiro

Mércores, 05 de decembro de 2012

[05-12-2012] A aula de informática do Milladoiro continúa en decembro coa súa programación de cursos, ofertando un obradoiro de elaboración de postais de Nadal que está dirixido a rapaces e rapazas de 6 a 8 anos que estean interesados/as en aprender a manexar un programa de debuxo para a realización de postais de Nadal. As clases desta actividade impartiranse os días 12, 13 e 14 de decembro, en horario de 18:00 a 19:00 horas da tarde. Ofértanse un total de 10 prazas, das cales aínda quedan 6 dispoñibles. Os interesados e interesas poden inscribirse nestes cursos ou resolver calquera outra dúbida ou pregunta a través do teléfono 981 535 940 ou do correo electrónico escribindo a informatica.milladoiro@concellodeames.org.

As novas tecnoloxías están cada vez máis presentes na vida diaria, e saber empregar un computador é indispensable tanto para os nenos/as coma para os adultos. Por iso, a aula de informática do Milladoiro organiza todos os trimestres un amplo abano de actividades dirixidas a todas as capas de poboación. Durante o mes de outubro esta aula de informática acolleu un curso de iniciación á Internet, mentres no mes de novembro realizou un obradoiro de mecanografía.

Para o mes de decembro está previsto que se imparta un obradoiro gratuíto de actividades de Nadal dirixidas aos nenos e nenas de Ames. Esta actividade, que terá lugar do 12 ao 14 deste mes, está destinada a rapaces e rapazas de 6 a 8 anos que estean interesados/as en aprender a manexar un programa de debuxo para a realización de postais de Nadal. O curso impartirase en horario de 18:00 a 19:00 horas e ofértanse un total de 10 prazas. Ata o de agora inscribíronse 4 nenos/as, polo que aínda quedan 6 prazas libres.

Para optar a unha das prazas é imprescindible estar empadroado no Concello de Ames. Así mesmo, as prazas son limitadas e cubriranse por rigorosa orde de inscrición. Terán prioridade as persoas que non realizaron esas mesmas actividades en trimestres anteriores. Estas actividades realízanse co obxectivo de fomentar o acceso ás novas tecnoloxías de todos e todas as persoas que aínda non tiveron a oportunidade de matricularse nalgún dos obradoiros programados anteriormente. Para inscribirte nestes cursos ou resolver calquera outra dúbida ou pregunta, poden comunicarse a través do teléfono 981 535 940 ou vía correo electrónico escribindo a informatica.milladoiro@concellodeames.org.

Servizo Aula Aberta
Por outra banda ofrécese o servizo de Aula Aberta, habitualmente entre as 16:00 e as 20:00 horas, do que poden facer uso dos ordenadores todas as persoas que estean empadroadas no concello. Para poder empregar o servizo de Aula Aberta só hai que cubrir unha ficha cos datos persoais e entregar unha fotografía coa que facer o seu carné de usuario/a. A persoa encargada da aula dálles un número de usuario/a e explícalles as normas. Os usuarios/as poden daquela empregar os ordenadores da aula para o que precisen, como consultar o correo electrónico, ler o xornal, xogar ou procurar información. Ante calquera dúbida poden preguntar o que desexen á persoa responsable. Tamén poden acudir usuarios cos seus ordenadores portátiles persoais a resolver as dúbidas que teñan no manexo da informática.