Pestanas principais

Segue aberto ata o 30 de novembro o prazo voluntario para o pagamento do imposto sobre bens inmobles

Mércores, 31 de outubro de 2012

[31-10-2012] O Concello de Ames recorda que dende o pasado 1 de outubro está aberto o prazo voluntario para o pagamento do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) e do Imposto sobre Actividades Económicas (IAE). O período de cobranza prolongarase ata o 30 de novembro e poderá efectuarse a través de calquera entidade bancaria, a través de domiciliación, ou ben empregando o recibo o que os veciños reciben a través do correo ordinario. Ademais, a Oficina Virtual Telemática que está dispoñible na web municipal ofrece unha alternativa rápida e segura para realizar o pagamento.

Ante as consultas realizadas por varios veciños e veciñas, o Concello quere lembrar o incremento na contía do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI), responde principalmente á necesaria aplicación do Real Decreto Lei 20/11, aprobado polo goberno central, que obriga a subir durante os anos 2012 e 2013 o tipo de gravame dos bens urbanos ata o 0,5% (desde o 0,44 % habitual). No caso das vivendas, só se aplica a suba ás que teñen un valor catastral superior á media, fixada en 57.570 euros. Como a medida ten carácter temporal, no 2014 o tipo de gravame volverá a ser do 0,44 % para todos os inmobles urbanos. O Concello lembra que, segundo establece a ordenanza fiscal de xestión, recadación e inspección dos tributos, poderá fraccionarse o pagamento cando a situación económica das persoas interesadas lles impida, transitoriamente, efectualo. As persoas interesadas deben acreditar a súa situación.

O tipo de gravame é fixado por cada concello dentro do marxe que establece a lei. Para os terreos urbanos a marxe vai dende o 0,4% e o 1,1%. O aprobado polo Concello de Ames é do 0,44%, un dos máis baixos dos permitidos pola norma. A esta suba engádeselle a derivada da revisión dos valores catastrais efectuada no 2004 pola Dirección Xeral do Catastro, dependente do Ministerio de Facenda. Neste caso, e para mitigar o forte incremento dos valores saído da revisión, a suba escalónase en dez anos. O primeiro deles foi o 2005, e o último será o 2014.