Pestanas principais

Segue aberto ata o 21 de novembro o prazo para participar no primeiro concurso de fotografías e tweets contra a violencia de xénero organizado polo Concello de Ames

Domingo, 10 de novembro de 2013

[10-11-2013] Ata o vindeiro xoves 21 de novembro é posible participar no primeiro concurso de fotografías e tweets contra a violencia de xénero posto en marcha polo Concello de Ames, a través da Concellería de Benestar Social. O obxectivo desta iniciativa é concienciar aos mozos/as sobre a erradicación da violencia de xénero. Este concurso enmárcase dentro da campaña que leva por lema "Coa miña chistera fago desaparecer a violencia".

Tanto as chisteras, que son o símbolo da campaña, como os carteis co lema da iniciativa están a disposición dos que queiran participar en diferentes instalacións municipais: nas oficinas do Concello, nas Casas da Cultura de Bertamiráns e o Milladoiro, e nas instalacións dos IES de Ames e do Milladoiro.

Con motivo da celebración o vindeiro 25 de novembro de 2013 do Día internacional de loita contra a violencia de xénero, o Concello de Ames, a través da Concellería de Benestar Social, puxo en marcha esta primeira edición do concurso de fotografías e tweets contra a violencia de xénero. O obxectivo deste concurso, enmarcado na campaña que leva por lema "Coa miña chistera fago desaparecer a violencia", é incrementar a concienciación e sensibilidade da xuventude de Ames ante esta lacra social.

Este concurso está dirixido aos mozos e mozas con idades comprendidas entre os 14 e os 30 anos. A participación realizarase a través da rede social Twitter. Os tweets e as fotos deberán enviarse ata o 21 de novembro, ambos incluídos. Cómpre destacar tamén que os tweets que participen no concurso deberán incluír o hastag #amessenviolencia e facer mención ao perfil @IgualdadeAmes. As bases do concurso poden descargarse da webwww.concellodeames.org.

A concelleira de Benestar Social, María Eugenia Martín, explicou que “nesta campaña pode participar todo o mundo, pero o obxectivo principal desta iniciativa é concienciar aos máis novos sobre esta lacra, para poder loitar todos xuntos contra ela”.

Existen dúas categorías para concursar
Establécense dúas categorías para concursar: unha de tweets e outra de fotografía. Os tweets poderán incorporar unha fotografía do autor/a vestindo a chistera morada que é símbolo desta campaña e cun cartel no que vai incorporado o lema "Coa miña chistera fago desaparecer a violencia". Para facilitar a participación, o Concello de Ames repartiu chisteras polos centros educativos do municipio e polas dependencias municipais co obxectivo de que todas aquelas persoas que o desexen poidan facerse a foto e participar no concurso.

A Concellería de Benestar Social nomeará un xurado integrado por cinco persoas, que será o encargado de avaliar os tweets e as fotografías presentadas a concurso. Este xurado estará integrado polo alcalde de Ames, a concelleira de Benestar Social, dous técnicos municipais da área de Igualdade e un membro do departamento de comunicación. Os criterios de valoración para elixir ás persoas gañadoras serán o contido e o tratamento do tema, a orixinalidade e a capacidade de impacto da mensaxe.

O xurado emitirá o seu fallo antes do día 23 de novembro, que se fará público na web municipal (www.concellodeames.org) e no perfil de Twitter @IgualdadeAmes. Neste fallo designarase o mellor tweet e a mellor fotografía presentada a concurso. A identificación persoal dos/as autores/as realizarase unha vez emitida a resolución do xurado. As persoas seleccionadas deberán responder nun prazo de 48 horas; se transcorrido ese tempo non houbera resposta, entenderase que renuncian ao premio. Os premios para as persoas gañadoras en cada unha das dúas categorías será unha tablet.