Pestanas principais

Séchu Sende anima aos mozos e mozas do IES de Ames a gozar coa nosa lingua

Xoves, 31 de marzo de 2011

[31-03-2011] Telepatía, hipnose colectiva, motivacións, prexuízos, amor a través da lingua, plantas tóxicas que provocan mudez, reflexións individuais e colectivas, humor, ironía... estas son algunhas das cousas que puido compartir este luns o alumnado de 1º de bacharelato do IES de Ames co autor de obras como Made in Galiza, Guía Sexual da Sociolingüística, Animais, Orixe etc. Durante case dúas horas, Séchu Sende animou aos mozos e mozas amesás a vivir na nosa lingua con normalidade, de forma libre, satisfactoria, consciente, responsable e saudable, dado que a lingua é a mellor forma de descubrirnos e de descubrir outras persoas.

Este luns o escritor Séchu Sende estivo cos mozos e mozas do IES de Ames nunha charla-encontro organizada polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames en colaboración co Equipo de Dinamización Lingüística do IES de Ames. 90 rapaces e rapazas puideron compartir co escritor e activista da lingua experiencias persoais, reflexións individuais e colectivas sobre a situación do idioma, historias de amor a través da lingua... Todo isto adozado con moito humor, con moita ironía con demostracións de telepatía e hipnose colectiva.

Como nos indica o autor na súa Guía Sexual de Sociolingüística, o proceso de normalización da lingua galega é un proceso conflitivo, no que o enfrontamento e a queixa son continuos dado que a perda da lingua é un drama. Séchu Sende propón ligar o discurso da normalización co pracer. Un pouco de humor tamén é necesario e podemos falar de cousas serias cun sorriso nos labios.

"Escribo cousas para cambiar cousas", indicaba o autor de Made in Galiza, e esas cousas poden ser estados de ánimo, facer que alguén sorría, motivar unha reflexión, ou cambiar cousas máis complexas.

Sende contoulles aos mozos e mozas que el comezara a falar galego aos 16 ou 17 anos sen saber moi ben porque. As motivacións para pasarse ao galego ou mellorar os noso coñecemento do idioma son ou poden ser moi diversas, o importante é ter claro que se nós, os galegos e galegas, non valoramos a nosa lingua, ¿quen o vai facer?.

No transcurso da charla exemplificáronse algúns prexuízos sobre o noso idioma, algúns tan pintorescos coma o do neno que por prescrición medica deixa de falar galego, dado que, segundo o especialista que o atendeu, en castelán notaríaselle menos o seu problema de tatexo. Outros tan habituais coma o da persoa que fala sempre en galego menos cando se dirixe a alguén que viste traxe e gravata, ou o das persoas que cambian de idioma ao entrar nun establecemento comercial ou para dirixirse a un neno ou a unha nena, coma se só a xente maior tivese gañado, por idade, o dereito a que lle falemos en galego.

Tamén houbo espazo para amosar como o galego se estuda en máis de 60 países do mundo e para demostrar que as linguas non lles dan prestixio as persoas, senón que son as persoas as que prestixian ou desprestixian unha lingua.

Como remate, Séchu realizou unha sesión de hipnose-relaxación colectiva para axudar a mellorar as motivacións, as actitudes e os coñecementos lingüísticos das persoas alí presentes. Asegurou que unha sesión similar a esta servira para que o seu alumnado deixase abraiada á profe de inglés coa mellora da súa competencia neste idioma en menos dun mes. Agardaremos, pois, que a sesión desta semana teña tan bos resultados entre os mozos e mozas amesás.

Esta charla enmárcase dentro do programa de colaboración entre IES de Ames co Servizo de Normalización Lingüística do Concello, un programa que se complementa con outras actividades apoiadas tamén por diferentes departamentos municipais.