Pestanas principais

SaúdeAndo organiza unha nova andaina saudable pola Ruta do Tambre con almorzo o próximo 9 de novembro

Martes, 05 de novembro de 2019

As Concellerías de Benestar Social e Transición Ecolóxica de Ames organizan para o vindeiro sábado 9 de novembro, unha andaina saudable pola Ruta do Tambre que culminará cun almorzo grupal. O obxectivo desta iniciativa é ofrecer unha alternativa extraordinaria á trintena de andainas xa programadas ao amparo do programa SaúdeAndo, ao tempo que busca animar ás e aos amesás a practicar actividade física de forma amena e divertida.

A Concellaría de Benestar Social únese coa Concellaría de Transición Ecolóxica co obxectivo de animar á veciñanza amesá a practicar actividade física mentres coñece o itinerario cultural e ambiental do concello. Para elo, ambos departamentos organizan o sábado 9 de novembro, unha andaina saudable pola Ruta do Tambre ao abeiro do programa SaúdeAndo, que contará con explicacións referentes á marcha nórdica e aos recursos naturais da ruta.

Así, a xornada comezará ás 10.00h na Casa da Cultura do Milladoiro, onde un autobús recollerá aos participantes para, deseguido, facer parada na Praza do Concello de Bertamiráns. Así, a actividade comezará ás 10.30 da man de Ricardo Angueira Vázquez, o monitor que supervisará a andaina, e que ofrecerá unha serie de pautas para os participantes sobre esta disciplina e que os axudará a prepararse na marcha nórdica.

A continuación, entre as 11.00 e as 13.00h, os e as asistentes percorrerán a Ruta do Tambre acompañados tamén por Patricia Reboreda, técnica de Medio Ambiente, que será a encargada de explicar os recursos naturais que se irán atopando durante o paseo e Rosana Martínez, técnica de Sanidade e responsable do Programa SaúdeAndo. Ao remate da andaina, o Concello servirá un almorzo saudable deseñado pola nutricionista municipal, tralo que os participantes regresarán en autocar a Bertamiráns e Milladoiro.

Para participar nesta actividade é necesario inscribirse antes das 14.00 horas do xoves 7 de novembro a través dun correo electrónico ao enderezo sanidade@concellodeames.gal ou do teléfono 649 450 264. É gratuíta, e conta con servizo de autobuses dende Milladoiro e Bertamiráns.

Programa SaúdeAndo
Esta iniciativa enmárcase dentro do programa SaúdeAndo, a través do cal tamén se organizaron as andainas polo Rego da Anduriña, Ruta do Tambre, Camiño Portugués e senda verde Milladoiro - Bertamiráns, así como as rutas urbanas con saída e chegada dende os centros de saúde de Bertamiráns e O Milladoiro que se desenvolven de marzo a decembro. O obxectivo desta actividade é animar ás e aos amesás de todas as idades a practicar actividade física de forma amena e divertida.

Así, estas andainas extraordinarias pretenden converterse nunha alternativa novidosa dentro do programa SaúdeAndo, que ten como obxectivo a promoción da actividade física e a redución do sedentarismo entre os e as amesás de todas as idades. Asemade, con este formato de andainas, celebrado en fin de semana, búscase ofrecerlle unha alternativa a aquelas persoas que, por cuestión de tempo ou horarios, non poden acudir ás andainas saudables programadas os xoves en Bertamiráns e Milladoiro.

 

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "SaúdeAndo organiza el sábado una caminata por la Ruta do Tambre"

Compostela 24 horas: "Andaina saudable pola Ruta do Tambre grazas ao programa SaudeAndo"

Cartel SaúdeAndo 9 de novembro

Multimedia

  • Cartel SaúdeAndo 9 de novembro