Pestanas principais

SaudeAndo organiza unha nova andaina saudable con almorzo o próximo sábado 6 de xullo

Mércores, 26 de xuño de 2019

As Concellarías de Sanidade e Medio Ambiente de Ames organizan o vindeiro sábado, 6 de xullo, unha andaina saudable pola Ruta do Tambre que culminará cun almorzo grupal. O obxectivo desta iniciativa é ofrecer unha alternativa extraordinaria á trintena de andainas xa programadas ao amparo do programa SaudeAndo, ao tempo que busca animar ás e aos amesás a practicar actividade física de forma amena e divertida. Esta nova edición organizase tralo éxito de participación acadado na realizada pola Ruta da Andoriña o pasado 18 de maio. Para participar nesta nova actividade é necesario inscribirse antes das 14.00 horas do xoves 4 de xullo a través dun correo electrónico ao enderezo sanidade@concellodeames.gal ou do teléfono 649 450 264. Dita actividade é gratuíta, e conta con servizo de autobuses dende Milladoiro e Bertamiráns.

A Concellaría de Sanidade de Ames aúna forzas coa Concellaría de Medio Ambiente co obxectivo de animar á veciñanza amesá a practicar actividade física mentres coñece o itinerario cultural e ambiental do concello. Para elo, ambos departamentos organizan o sábado 6 de xullo, unha andaina saudable pola Ruta do Tambre ao abeiro do programa SaudeAndo, que contará con explicacións referentes á marcha nórdica e aos recursos naturais da ruta.

Así, a xornada comezará ás 10.00h na Casa da Cultura do Milladoiro, onde un autobús recollerá aos participantes para, deseguido, facer parada na Praza do Concello de Bertamiráns. Así, a actividade comezará ás 10.30 na praia fluvial de Tapia, onde Ricardo Angueira Vázquez, o monitor que impartiu o curso de iniciación de Marcha Nórdica e que supervisará a andaina, ofrecerá unha serie de pautas para os participantes sobre esta disciplina e axudaraos a prepararse na marcha nórdica.

A continuación, entre as 11.00 e as 13.00h, os e as asistentes percorrerán a Ruta do Tambre acompañados tamén por Patricia Reboreda, técnica de Medio Ambiente, que será a encargada de explicar os recursos naturais que se irán atopando durante o paseo. Ao remate da andaina, o Concello servirá un almorzo saudable deseñado pola nutricionista municipal, tralo que os participantes regresarán en autocar a Bertamiráns e Milladoiro.

Así, estas andainas extraordinarias pretenden converterse nunha alternativa novidosa dentro do programa SaudeAndo, que ten como obxectivo a promoción da actividade física e a redución do sedentarismo entre os e as amesás de todas as idades. Asemade, con este formato de andainas, celebrado en fin de semana, búscase ofrecerlle unha alternativa a aquelas persoas que, por cuestión de tempo ou horarios, non poden acudir ás andainas saudables programadas os xoves en Bertamiráns e Milladoiro.

Para participar nesta actividade gratuíta, é necesario inscribirse antes das 14.00 horas do vindeiro xoves 4 de xullo, enviando un correo electrónico ao enderezo sanidade@concellodeames.gal ou mediante o teléfono 649 450 264. Pódese acudir a estas mesmas canles para recibir máis información sobre esta andaina.

Un percorrido pola Ruta do Tambre

A ruta comeza na praia fluvial de Tapia, dende onde os participantes percorrerán uns seis  quilómetros pola marxe esquerda do río cara á Ponte Maceira, pasando preto do lugar de Oca, ata chegar a altura de Lens, onde se abandonará esa marxe do río. Alí, o camiño leva aos camiñantes polo medio da aldea, onde poderán ver o pazo do lugar así como a Igrexa barroca do século XVIII. Dende alí accedese á estrada xeral preto de Oca, a través dun camiño de monte, tralo que se baixa polo medio da aldea ata chegar á Igrexa da Virxe do Corpiño. Dende alí accedese a un camiño de monte que leva directamente ao punto inicial de partida, a Praia Fluvial de Tapia.

Ligazóns:

El Correo Gallego: "Ames organiza una nueva andaina saludable por la Ruta do Tambre el día 6"

Compostela 24 horas: "Nova andaina saudable para o sábado 6 de xullo"

Portada andaina saudable Ruta do Tambre

Multimedia

  • Cartel andaina saudable Ruta do Tambre