[11-02-2011] A canle de televisión Santiago Te Ve, interesada en temas de relevancia que acontecen na comarca de Santiago de Compostela, achegouse ata a rúa das Hedras do polígono Novo Milladoiro, para coñecer máis de preto o funcionamento do Punto Limpo de Ames. Alí puideron falar co concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, que lles explicou o seu funcionamento e subliñou os bos datos de utilización que esta obtendo este Centro de Depósito de Residuos. Durante o ano pasado un total de 4.424 persoas achegáronse ao centro de depósito para desfacerse daqueles obxectos e materiais que non van aos colectores convencionais de materiais orgánicos, inorgánicos, vidro ou papel.
O Punto limpo mellora ano a ano os seus datos e rematou o 2010 con case 600 usuarios máis que o 2009. En total foron 4.424 as persoas que se achegaron ao centro de depósito para desfacerse daqueles obxectos e materiais que non van aos colectores convencionais de materiais orgánicos, inorgánicos, vidro ou papel. O balance é moi satisfactorio e demostra que a veciñanza amesá está cada vez máis concienciada sobre a necidade de coidar o medio ambiente.
Para coñecer máis de preto o funcionamento deste Centro de Depósito de Residuos, a canle local Santiago Te Ve desprazouse ata a rúa das Hedras do polígono Novo Milladoiro. Alí estiveron falando co concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, que lle fixo un balance das entradas obtidas ao longo do ano 2010. Ademais o concelleiro explicoulles que o número de entradas continúa a bo ritmo nas primeiras semanas de 2011.
Durante o primeiro mes deste ano mantívose esa tendencia ascendente e rexistráronse un total de 401 entradas. En xaneiro os e as amienses entregaron no Punto Limpo 2.444 quilos de equipos electrónicos, un metro cúbico de unidades de envases baleiros contaminados, 94 unidades de tubos fluorescentes e outros tipos de lámpadas, 32 pneumáticos fóra de uso, 6 baterías de chumbo e 7 quilos de pilas. A veciñanza deixou tamén 74 quilos de pintura, 18 aerosois, 6 metros cúbicos de papel, 2 metros cúbicos de roupa, 10 metros cúbicos de plásticos, 15 de metais e outros 20 de voluminosos como colchóns, sofás e escumas. Os entullos procedentes de obras menores supuxeron 90 metros cúbicos e os restos de madeira chegaron aos 20 metros cúbicos. Por último, achegáronse 291 litros de aceites vexetais e 45 de motor.
En canto ao ano pasado destacaron o número de entradas producidas en agosto e setembro como os meses con mellores datos de emprego do Punto limpo, con 459 e 437 entradas respectivamente. Abril e maio sitúanse como os meses de menor número de entradas, con 320 e 305. Os residuos que máis se achegaron ao Punto limpo foron os equipos eléctricos e electrónicos con 26.433 entradas, os tubos fluorescentes e outro tipo de lámpadas con 580 unidades e os neumáticos en desuso con 1.385 unidades. Tamén se achegaron un gran cantidade de litros de aceite. Uns 2.742 litros de aceite vexetal e 726 litros de aceite de motor.
O Punto limpo está situado na rúa das Hedras do polígono Novo Milladoiro e ata alí poden achegarse todos os veciños e veciñas de Ames para desfacerse de aqueles obxectos e materias que non van aos colectores convencionais de materiais orgánicos, inorgánicos, vidro ou papel. O centro está aberto preto de 40 horas semanais en xornada de mañá e tarde entre luns e o sábado. Así, o Punto limpo abre de luns a venres de 10:00 h. a 14:00 h. e de 16:00 h. a 18:00 horas. Os sábados o horario é de 9:00 h. a 14:00 h. e de 16:00 h. a 20:00 horas. Ao mesmo tempo, a Concellaría de Servizos Básicos mantén un servizo de recollida gratuíta de mobles e trastes que se fai todos os venres. So é preciso chamar ao 981 191 240 indicando o tipo de residuo que quere tirar e deixalo xunto ao colector de lixo máis próximo á súa vivenda.




