Pestanas principais

Santiago Amor visitou os catro comedores escolares de Ames

Martes, 21 de xuño de 2011

[21-06-2011] O alcalde de Ames, Santiago Amor, visitou esta mañá as cociñas dos comedores escolares dos colexios amienses de Agro do Muíño, Ventín, A Escola Infantil de Milladoiro e o colexio de A Maía. o obxectivo de coñecer aos traballadores/as dos centros e o funcionamento dos mesmo. O rexedor municipal estivo acompañado polo concelleiro de Educación, Alfonso Rey, e pola coordinadora da rede municipal de comedores escolares, Cecilia R. Borges. Este ano aténdense a 962 rapaces e rapazas na rede municipal de comedores escolares e de cara ao vindeiro curso prevese que o número de usuarios supere os 1.100 nenos e nenas. O Alcalde de Ames valora positivamente o funcionamento dos comedores escolares e asegura que "a rede municipal de comedores seguirase mantendo para o curso vindeiro no que incluso se vai aumentar a oferta de prazas debido á demanda crecente que ten o servizo". Ademais, Amor felicitou aos traballadores deste servizo pola súa “gran profesionalidade”.

En Ames hai catro comedores escolares que atende a 962 rapaces e rapazas. En Agro do Muíño comen 194 nenos, na EEI Milladoiro 187, en A Maía empregan o servizo de comedores 304 e en Ventín fano 277 nenos e nenas. No colexio de Agro do Muíño cocíñase para tódolos nenos/as que son celíacos ou teñen alerxia a calquera tipo de alimento e trasládase esta comida aos demais comedores diariamente. En Agro do Muíño tamén fan tódolos días o segundo prato do comedor de Ventín, pois neste último só se prepara o primeiro. O mesmo ocorre coa EEI de Milladoiro, que tamén cociña o segundo prato para a escola de A Maía de Bertamiráns.

O servizo de Comedores Escolares do Concello de Ames atende diariamente 96 casos de intolerancias e alerxias a distintos tipos de alimentos. Iso provocou que dende o departamento de Educación se puxera en marcha un programa de protocolos para recoller todas as intolerancias, alerxias e enfermidades destes 96 alumnos/as. Neste grupo están incluídos 9 nenos/as celíacos e 11 cativos/as con diferentes alerxias alimentarias.

Para facer o traslado das comidas das dúas cociñas cabeceira, a de Agro do Muíño e a de Ventín, empréganse recipientes térmicos especiais que aseguran que os alimentos non baixan de 65 graos. Así mesmo tamén se empregan uns recipientes especiais para trasladar a comida dos nenos/as que sofren algún tipo de intolerancia alimentaria ou alerxia. O perigo de contaminación cruzada obriga a que a zona da cociña onde se manipulan e elaboran estes alimentos estea delimitada. Do mesmo xeito a zona de almacenamento dos utensilios que se empregan neste caso tamén está delimitada.

Por outra banda na elaboración destes alimentos tamén se ten un coidado especial posto que todos os menús que se elaboran para nenos celíacos e con algún tipo de alerxia son elaborados nunha soa cociña e posteriormente trasládanse aos distintos comedores da Rede de Comedores Escolares. Neste caso as cociñeiras estreman o coidado na limpeza da súa vestimenta e cada vez que manipulan un alimento que se emprega na confección dun menú deste tipo empréganse uns guantes novos.

Os comedores escolares de Ames foron pioneiros á hora de ofrecer un servizo de xestión alimentaria directa que comeza e completa o ciclo, desde a elección do menú e a compra ata a cociña e a mesa, sen pasar por mans alleas. Os menús base están elaborados por unha nutricionista, a compra faise, á medida, desde as propias dependencias municipais, as cociñeiras son contratadas e formadas directamente desde o concello e os monitores responden á perfección á intención de proxecto educativo global que teñen os comedores.

Entre as vantaxes da rede de comedores escolares amiense está a oferta de menús personalizados a diario para todos os nenos que así o precisen. Todos os pais e nais que teñen fillos que son celíacos ou que presentan algunha intolerancia ou alerxia a algún alimento teñen unha entrevista individual coa coordinadora dos comedores e o persoal de cociña dos mesmos. Previamente xa presentan un certificado médico acreditando a intolerancia ou alerxia do seu fillo.

A continuación a coordinadora do servizo de comedores ponse en contacto coa cociñeira xefa e cos monitores que van atender a cada un dos rapaces. Outra das vantaxes dos comedores de Ames é o servizo dunha nutricionista que controla e elabora menús saudables para tódalas semanas.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Aumentan a 1.100 alumnos el aforo de los comedores"