Pestanas principais

Santiago Amor recorta o seu soldo e o dos concelleiros nun 5%

Venres, 08 de xullo de 2011

[08-07-2011] O grupo de goberno amiense terá tres dedicacións a tempo parcial e dúas a tempo completo. As dedicacións completas serán asumidas polo alcalde, Santiago Amor, e polo concelleiro de Persoal, Reforma Administrativa, Servizos e Urbanismo, Ramón G. Argibay. As parciais son para o concelleiro de Comercio, Promoción Económica, Traballo e Turismo, Bernardo Moar, a concelleira de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude, María González e para o concelleiro de Deportes, Tempo Libre e Voluntariado, Manuel Ferreiro.

O pleno de organización está convocado para mañá venres día oito de xullo ás 13:30 horas, e nel o goberno que preside Santiago Amor dará conta da constitución dos grupos políticos, da delegación da Alcaldía, do nomeamento dos membros da Xunta de Goberno Local e das tenencias de Alcaldía. Ademais votarase a aprobación da acta da sesión constitutiva da corporación, a periodicidade das sesións ordinarias do pleno e das Xuntas de Goberno Local, a creación e composición de comisións informativas permanentes, o nomeamento de representantes da Corporación en órganos colexiados, a delegación de competencias do Pleno na Xunta de Goberno Local, a dotación de medios a favor dos grupos políticos a creación de postos de traballo de persoal eventual de confianza e a asignación de dedicacións exclusivas e parciais.

Diálogo coa oposición

O equipo de Santiago Amor realizou dúas roldas informativas coa oposición e varias chamadas de teléfono aos voceiros co fin de chegar a un acordo que non se acadou pola inflexibilidade da oposición. A primeira proposta do grupo de goberno foi dotar dun administrativo a media xornada e cedeu á petición da oposición de ter un a xornada completa. O grupo do Partido Popular renunciou ao seu administrativo.

Santiago Amor explica que dende o goberno mantiveron un diálogo coa oposición para intentar consensuar as decisións tomadas e para explicar que a situación económica non permite máis dedicacións das que se propoñen, "o grupo de goberno debía ter máis dedicacións e neste momento non se pode de ningún xeito, pois a economía deste concello non o permite" asegura o rexedor amiense. Nesta liña, o alcalde declara que rebaixou o seu salario e o dos concelleiros que van ter algún tipo de dedicación nun 5%.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames tendrá dos dedicaciones exclusivas y tres parciales"
El Correo Gallego: "El pleno de Ames aprueba hoy dos dedicaciones exclusivas y tres parciales"