Pestanas principais

Santiago Amor recibiu nove alumnas de Oxford que estiveron de intercambio no IES de Ames

Mércores, 26 de outubro de 2011

[26-10-2011] As rapazas da escola privada de Oxford Cranford House, que participan nun programa de intercambio co IES de Ames foron recibidas polo alcalde de Ames, Santiago Amor, a concelleira de Xuventude, María González, o concelleiro de Cultura, Alfonso Rey e o concelleiro de Deportes, Manuel Ferreiro. Trátase de 9 rapazas dunha escola privada de Oxford que foron acollidas nas casas dos alumnos e alumnas de 3º da ESO do instituto amiense. O programa de intercambio ten como obxectivo facilitarlles aos participantes un primeiro contacto coa realidade lingüística española e inglesa así como coñecer un lugar e unha cultura distintos.

Santiago Amor convidou ás rapazas a volver visitar Ames cando desexen e falou da importancia de aprender, "todos temos moito que aprender, e vale a pena saír e coñecer outro sitios, relacionarse con outras persoas e coñecer outras culturas", comentou Santiago Amor. Pola súa parte, varias rapazas do colexio de Oxford agradeceron o recibimento na casa consistorial, e amosaron a súa gratitude ás mestras pola organización do intercambio, ás familias que as acolleron durante esta semana e aos rapaces e rapazas do IES de Ames por compartir esta semana con eles. Tamén tiveron unha mención especial á comida galega, da cal manifestaron que lles gustou moito. Dúas rapazas do IES de Ames tamén tomaron a palabra para manifestar o seu agrado con esta experiencia e as ganas que teñen de ir a Oxford na primavera.

Este foi o segundo ano que viñeron alumnos de intercambio do colexio Cranford House, e dentro de un mes virán a Ames por primeira vez un grupo de 12 rapaces e rapazas doutro instituto inglés, para estes será a primeira experiencia en Ames.

As alumnas de Oxford entregáronlle ao alcalde como agasallo un número da revista que editan cada ano no centro escolar. Pola súa parte, os concelleiros amienses regaláronlle ás rapazas guías de flora e fauna da Ruta de Riamontes en Ames.

Programa de intercambio

As estudantes chegaron hai unha semana e tiveron tres días de clases no IES de Ames, o resto do tempo fixeron varias viaxes. Unhas das viaxes foi a Pontevedra, onde viron as Rías Baixas, outra a Santiago e outra á Coruña. Ademais, as mozas pasaron unha agradable fin de semana coas familias de acollida. As mozas viñeron acompañadas de dúas profesoras do seu centro. En Semana Santa está previsto que alumnas de Ames sexan acollidas polas familias das estudantes inglesas como estas foron acollidas en Ames e que realicen distintas actividades destinadas a manter un primeiro contacto coa realidade lingüística inglesa.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Santiago Amor recibiu a nove alumnas de Oxford que estiveron de intercambio no IES de Ames"